Xosé Constenla lanza un adianto do seu novo disco

Xosé Constenla lanza un adianto do seu novo disco
Xosé Constenla
Xosé Constenla  

O cantautor Xosé Constenla vén de publicar nas principais plataformas de distribución dixital o primeiro single do seu vindeiro disco, 'A luz entre a desorde'.


As principais plataformas de distribución dixital (itunes, Spotify, Youtube, Amazon, Movistar…) contan xa co tema 'A luz entre a desorde', o primeiro single de 'Virada por Avante', título do próximo disco do músico compostelán Xosé Constenla. Trátase dunha das composicións máis intimistas das que integran o álbum, aínda que neste caso mestúrase a parte máis sentimental cun enfoque tamén de loita social. 

En palabras de Constenla, é “o tema que mellor recolle o meu estado de ánimo cando compuxen os temas do disco; saír da penumbra dun tugurio agochado e descubrir que a vida continua e que está aí para enchela de contido”. 

'Virada por Avante' é o cuarto disco de Xosé Constenla e foi producido por Fredi Marugán e masterizado nos Staterooms Studios por Oscar Herrador. Ambos teñen traballado ao longo da súa traxectoria con artistas do panorama estatal e internacional (Ismael Serrano, Miguel Ríos, Joan Manuel Serrat, Enrique Iglesias, Compay Segundo, Antonio Vega ou Pedro Guerra, entre outros). De ‘Virada por Avante’, que se lanzará no primeiro trimestre do ano 2016, Fredi Marugán destaca o son a ‘folk rock’ americano que desprenden os 11 temas que o integran.