Xosé Lois Romero: “A percusión galega é a máis rica de Europa”

Xosé Lois Romero: “A percusión galega é a máis rica de Europa”
Xosé Lois Romero [Imaxe: David Ramos]
Xosé Lois Romero [Imaxe: David Ramos]  

Xosé Lois Romero, posiblemente un dos mellores percusionistas deste país, fai esta fin de semana unha preestrea do seu proxecto para evolucionar a percusión galega: Aliboria. 


Romero é quizais máis coñecido como acordeonista (aCadaCanto, Vaamonde&Lamas&Romero, Nova Galega de Danza), aínda que el se define como “percusionista de vocación” e sempre tivo a teima de poñer en valor a percusión tradicional galega. O seu obxectivo: liberar estes instrumentos da reprodución etnográfica, dado que as súas posibilidades son “ilimitadas”.

“No folclore galego deuse un paradoxo: evolucionou todo menos a percusión tradicional, que mesmo foi para atrás”, afirma Romero. “Nós queremos facer percusión popular pero utilizando unha linguaxe actual”. 

O músico e compositor considera que “a percusión que temos en Galiza é a máis rica de Europa e ademais está toda en activo, pero temos que saír da reprodución etnográfica”. El defende que estes instrumentos poden e deben utilizarse en calquera tipo de música. “Aquí a música contemporánea pasou deles e incorporou outros foráneos, como o bodhran”. 

“Os instrumentos non teñen límites, os límites están nos executantes”, reivindica Romero

“Os instrumentos non teñen límites, os límites están nos executantes”, reivindica Romero. Iso si, concede, “hai que actualizar as técnicas e tamén a construción, tal e como lle pasou á gaita ou á zanfona, que agora son moito máis perfectas que hai trinta anos”. 

Aliboria, o proxecto

Para rachar con todo isto Romero creou Aliboria, un grupo de traballo de 10 persoas, “unha faísca que ten que arder”, que comezará a traballar de xeito experimental coa intención de provocar unha revolución no mundo da percusión tradicional galega. Utilizan bombos con técnicas novas, latas, tixolas, tarrañolas, sachos, pandeiros e pandeiras, pandeiretas, cunchas, triángulos e mesmo piñas. Son xente do golfo ártabro, de Ferrol e da Coruña, que leva moitos anos dedicada á percusión. Entre eles está o grupo de pandereteiras Lilaina de Miño. 

O desta fin de semana será a preestrea dun proxecto que comezará a dar froitos na primavera que vén. Será en Gasamáns (Ames) os días 2, 3 e 4 de outubro, como complemento á residencia artística que están a desenvolver en Galiza Eliseo Parra e Coetus, unha orquestra de percusión ibérica liderada polo catalán Aleix Tobías que exerce como “padriño” da formación. “Eles son un referente brutal, e tamén unha inspiración para non terlle medo ao reto”, remata Romero.