Xosé Neira Vilas: “Fun un activista da cultura galega”

Xosé Neira Vilas: “Fun un activista da cultura galega”
Xosé Neira Vilas
Xosé Neira Vilas  

En outubro Xosé Neira Vilas concedíalle a Sermos Galiza -no número 166 do semanario- a que é probablemente a súa última entrevista impresa. Recuperamos esta peza na que o escritor repasa toda unha vida dedicada á lingua e á cultura galega.


Historia viva deste país e da súa cultura, Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928), Pepe, como lle chaman os amigos, lembra de forma prodixiosa todos os detalles, datas, lugares e persoas que pasaron por unha vida que dedicou por completo á cultura galega. 

-    Con 20 anos emigrou a Arxentina. Que o levou a tomar esa decisión?
-    Eu fixera a escola primaria, logo fixen un curso por correspondencia e puiden traballar nunhas oficinas, pero eu quería estudar e superarme e busquei traballo nas cidades para poder estudar polas noites e non o atopei, así que decidín marchar coma tantos. 

-    Entón toma conciencia alí do que é Galiza. 
-    Si, descubro Galiza ao pouco de chegar e creo as Mocedades Galeguistas da que son secretario xeral. Alí convírtome nun activista da cultura galega e da dignidade de Galiza até hoxe. De por vida. Aquí eu non tiña acceso a medios, pero tampouco eran tempos apropiados. Alí coñecín a Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, foron os moi cariñosos comigo. 

-    Nunca chegou a coñecer a Castelao?
-    Non, cando eu cheguei el vivía aínda pero estaba xa moi enfermo, morreu meses despois. Eu vin o seu enterro, as carrozas, houbo moito movemento na cidade.

-    Cal era o ambiente galeguista alí tendo en conta a situación real en Galiza?
-    Nós eramos moi radicais, viñamos sendo as xuventudes da Irmandade Galega, que era á sua vez o Partido Galeguista, que non podía existir como partido noutro país. Faciamos moitas cousas: actos culturais, protestas e tiñamos un periódico, Adiante, en galego.

“‘Memorias dun neno labrego’ vai máis alá de min. Como di Freixanes: “Balbino desbórdate”, non precisa de min. Leva uns  800.000 exemplares vendidos”

-    Tamén fundou a editorial Follas Novas xunto con Anisia Miranda.
-    Coñecina nun acto dunha conferencia de Suárez Picallo sobre Rosalía, así que ela empezou a achegarse ás Mocedades e logo fomos amigos, fixemos xuntos a carreira de Xornalismo e casamos no 57. Era cubana filla de galegos. Ese mesmo ano fundamos Follas Novas na nosa propia casa. Foi unha pequena editorial, publicamos 7 ou 8 libros nada máis, pero o noso traballo principal era concentrar todo o libro galego que se publicase en calquera parte do mundo e enviabámolo a toda América, aos exiliados, ás universidades, ás sociedades galegas. 

-    Vostedes de que traballaban?
-    Eu nas oficinas dunha empresa importadora de madeira de Paraguai. E Anisia traballou desde o triunfo da Revolución na embaixada de Cuba. Cos ganancias que nos deixaba Follas Novas doábamos libros á Biblioteca Nacional para que Galiza estivera presente diferenciada da sección española. Ou a asociacións galegas con poucos recursos. Nós perdiamos cartos pero gañabamos vontades para Galiza. Era un labor patriótico. 

-    En 1961 marchan para Cuba animados pola Revolución.
-    Si, xa colaboraramos coa Revolución antes, mesmo lle xestionamos a sede ao Movemento 26 de Xullo nun local dun centro ourensán. Eles apoiábannos e nós a eles. E logo triúnfa e non puidemos ir de forma inmediata, fomos no ano 61. Dous días antes de marchar fixéronnos unha cea na que estaba Seoane, Valenzuela, Dieste, Blanco Amor... Foi unha cousa moi bonita, moi tenra. 

-    En Cuba como se vivía o tema galego?
-    Xa non había emigración galega, rematou coa crise do 29. Por iso cando quero facer un traballo galeguista non o fago coas sociedades galegas, que xa só eran simbólicas, e decido botar man dun centro do estado cubano. Propúxenlle ao Instituto de Literatura e Lingüística crear unha sección galega e déronme todas as facilidades. Atendín aquela sección 22 anos, sen cobrar nada. En primeiro lugar fun creando o maior centro bibliográfico sobre a nosa emigración a América. E alí foron estudar bolseiros do Centro Ramón Piñeiro e da Universidade de Leipzig. E antes de que a Xunta creara as cátedras de cultura galega, xa nós creamos dúas en Leipzig e en San Petersburgo, daquela Leningrado. Faciamos exposicións, conferencias e índices de todas as publicacións galegas de Cuba, nada menos que 71. Foi a prensa máis abundante e máis variada e de mellor calidade que fixo unha comunidade emigrante en ningún país do mundo. Nin sequera os irlandeses en Nova York. 

-    Miranda e vostede regresaron a Galiza en 1992. Por que?
-    Porque na viaxe que fixen en 1990 doei á Xunta de Galicia a miña casa natal, en ruínas, coa condición de que a restaurasen e puxesen nela unha biblioteca pública. Entón xa me dixeron que si, designaron como arquitecto a César Portela, e crearon unha fundación co meu nome, polo que me tiven que vir para poñer a andar a institución. É unha continuación daquel activismo que eu comecei seis meses despois de chegar a Buenos Aires.

-    A Wikipedia di que vostede escribiu uns 75 libros.
-    Non, non creo. Cincuenta e pico si, están aí en Internet. A cantidade non é importante. Agora mesmo teño unha novela en Galaxia que se chama ‘Romaría de historias’. Nesta última etapa eu veño traballando moito en letras para cancións. Estanse facendo discos completos, con María do Ceo, Manuel de Felisa, Mini e Mero...

-    Non ficou farto de que todo o mundo lle pregunte polo best-seller das letras galegas, ‘Memorias dun neno labrego’?

-    Memorias vai máis alá de min. Como di Freixanes: “Balbino desbórdate”, non precisa de min. Leva uns  800.000 exemplares vendidos, por diferentes edicións. Síguese reeditando moito, non paro de asinar exemplares por aí adiante. 

-    Na súa vida está a historia deste país nos últimos 80 anos. Como cre que evolucionou o país? 
-    Desde o punto de vista social mellorou, esta non é a Galiza que eu coñecín, e desde o punto de vista de afirmación da identidade tamén, pero queda moito por facer. Hai que instalar a Galiza no mundo, que saiban que existimos. Temos que conquistar os nosos dereitos nacionais.

-    Como ve vostede o proceso independentista catalán?
-    Aí non me meto. A min téñenme preguntado en Bos Aires “vostede cre que en Galiza debe ter estado propio? Dereito ten, pero hoxe por hoxe non lle convén”. Cataluña ten dereito, claro, pero desde o punto de vista de España e de Europa, non sei eu. 

-    E Galiza?
-    Historiamente ten máis dereito que Cataluña e que Euskadi. Tivo monarquía propia cos suevos que non tiveron nin vascos nin cataláns. 

-    Nos últimos anos conseguiu infinidade de premios, está na RAG... quédalle pendente algún recoñecemento? 
-    Non, hai pouco xa me deron a Medalla de Ouro de Galiza, que é o máximo galardón. Eu agradezo todo, pero non busco nada. Hai pouco na TVG preguntáronme esas parvadas de “por que escribe vostede?” E eu dixen: Escribo porque escribo en galego. Se fora escritor en español, hai 20 anos que o tería deixado. Eu escribirei até que morra, até que teña cabeza. E tamén me preguntaron outra parvada: como lle gustaría ser recordado? Por ser unha boa persoa, non pido máis. Eu traballo, e non fago ningunha valoración do que fago. Traballo humildemente, son un xornaleiro das letras, un obreiro da palabra galega, apaixoado, traballador, pero ser recordado... se aporto algo, mellor, e sempre para beneficio do meu país. 

-    Cando mira atrás, que valoración fai da súa vida? Cre que lle quedou algo por facer?
-    Seguramente moitas cousas, pero penso que para ser un rapaz campesino movínme bastante polo mundo adiante. Estou máis ou menos satisfeito co que fixen. A miña vocación desde pequeno era escribir e funo facendo. Sempre en galego, non convertido. 

“En Cuba ninguén está desamparado, non hai desafiuzamentos”

- Vostede viviu de primeira man a Revolución e coñeceu a Fidel e ao Che. Que lle parecían?
-    Pois dous homes moi humanistas e moi solidarios. Fidel é un dos grandes líderes do século XX, e un grande humanista. Este esquema que fan del é absurdo. Non habería médicos cubanos en 67 países se non fose por el. Nas montañas, onde o Ché era o primeiro médico, coidaban antes aos feridos do inimigo que os deles. Eu co Che estiven en varias xuntanzas e mesmo fun cortar caña con el. 

-    Como ve agora, tantos anos despois, a evolución da Revolución?
-    Cuba sufriu un bloqueo brutal, e segue a sufrilo, porque Obama non o puido sacar. Depende do Congreso e os republicanos teñen maioría. O que pasa é que Cuba ten un pobo moi valente, moi digno. Aguantará o que sexa. 

-    Todo o mundo se está preparando para un cambio na illa. Como o ve?
-    Os cambios que hai xa son positivos: permiten o comercio, as viaxes, as remesas a familiares, pero falta a parte final, a máis importante, que é suprimir o bloqueo. Pero si, están indo empresarios de España, de todas partes, a investir alí. Até o Papa foi alá. 

-    Cre que permanecerá o Goberno cubano a pesar dos cambios?
-    Iso non varía, a xente alí está moi firme. Hai descontentos, naturalmente, pero son minoría. E xa non falo no plano exclusivamente político. É que o que era Cuba como país neocolonial era tremendo. Aquilo era unha humillación completa. Era o prostíbulo de Estados Unidos, o paraíso da droga, estaba metido alí até Al Capone. Un campesino dicía: “A Revolución tróuxonos moitas vantaxes, pero a principal é que agora somos xente”. En Cuba o nivel de vida, según a OMS dixera que os nenos cubanos son os mellor nutridos de América Latina, e a Unesco di que son os mellor escolarizados. Alí ninguén está desamparado, alí non hai desafiuzamentos.