CUARTO VOLUME DA SÚA HISTORIA DAS LETRAS GALEGAS

Xosé Ramón Pena afonda na literatura durante o franquismo

Xosé Ramón Pena afonda na literatura durante o franquismo
O profesor, novelista e crítico Xosé Ramón Pena. Foto: AELG.
O profesor, novelista e crítico Xosé Ramón Pena. Foto: AELG.  

O período que Celso Emilio Ferreiro bautizou como “longa noite de pedra” é o núcleo do cuarto volume da monumental Historia da Literatura Galega de Xosé Ramón Pena. Da Guerra Civil á morte de Franco, o bisturí analítico do profesor, novelista e crítico enfróntase “ás sombras e á marxinación” mais tamén “ás luces escintilantes dalgúns dos nomes e dos textos máis significativos” das letras galegas.
 


En máis de 500 páxinas, publicadas por Xerais, Pena (Betanzos, 1956) debruza prosa de ficción, lírica e teatro entre 1936 e 1975. Estabelece dous grandes bloques temporais, o da Posguerra, e o da Resistencia Cultural, este a partir de 1962.

historia literatura galega

No primeiro deles, dedica apartados singulares aos poetas Luís Pimentel, Aquilino Iglesia Alvariño, Díaz Castro, Eduardo Moreiras, Novoneyra, Carvalho Calero e Cunqueiro. Sobre a narrativa deste último e mais a de Ánxel Fole centra o seu estudo da prosa de ficción.

Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, María Mariño, Antón Tovar, Bernardino Graña, Paz-Andrade, Ferrín -Heriberto Bens mediante- e Franco Grande protagonizan a poesía da “resistencia cultural”. Que na prosa se reduce a Blanco-Amor, Xohana Torres e Neira Vilas. Hai, ademais, un capítulo dedicado ao teatro, e abrangue de 1936 a 1973. A maiores, Xosé Ramón Pena debuxa o contexto político, social, lingüístico, cultural, en que autoras e autores da literatura galega desenvolveron o seu labor.

Historia da Literatura Galega IV. De 1936 a 1975. A “longa noite” sucede os tres primeiros tomos: Das orixes a 1853 (Xerais, 2013), De 1853 a 1916. O Rexurdimento (Xerais, 2014) e De 1916 a 1936. A xeira das Irmandades (Xerais, 2016).