Xulio Calviño: “Terán que volver os bárbaros para liberarnos”

Xulio Calviño: “Terán que volver os bárbaros para liberarnos”

De seguido reproducimos a entrevista de Antón Lopo ao escritor Xulio Calviño pola que o xornalista recibiu o XIII Premio Xohán Carballeira de Xornalismo. A entrevista, enmarcada na serie "Extintivos", foi publicada no Sermos Galiza número 137.


O autor da desbordante novela 'Carpe Diem', que leva doce anos de aillamento voluntario, asegura que o baleiro absoluto nos libera da mentira.

O último libro de Xulio Calviño [Carpe Diem. Nos axiomas do Nazionalcatolicismo, publicado por Difusora] exerce un polo magnético que, talvez, emana do propio estado vital do autor: un home de 67 anos que leva máis dunha década de aillamento na súa casa [vive na Coruña] e que xa só apareza na Literatura ["despois de ler todo o que tiña que ler"] a posibilidade de obter nela unha erección. Nas máis de oito horas que permanecemos xuntos, con xantar incluído nun restaurante cerca de María Pita e sesión de te nun local da parte vella coruñesa, Calviño percorre, nun verbo tan desbordante como a mirada xuvenil que protexe con lentes de sol case ortopédicos, a dualidade do mundo que lle tocou vivir e a rebeldía púrpura que lle corroe as veas. Non emite en ningún momento autocompracencia, do mesmo xeito que tampouco lle atribúe solemnidade algunha ao seu aillamento: "Non é por egolatría ou por desánimo, senón porque estou máis cómodo así". No fondo, a tese que formula nada máis encontrarnos parece crible ["Podo facer comigo un xuízo implacable"] e se lle dis que, “por favor”, mova unha man para tirarlle unha foto, el levanta o puño. Se lle falas de Rosalía, apresúrase a subliñar que foi "Un poeta macho: o seu marido [Manuel Murguía] era a puta barata. Gustaríame pasar unha hora con ela comendo castañas en Bastavales”. Se lle preguntas por Torrente Ballester [acompañouno vinte días por América "en olor de multitudes" como axudante e presentador das súas conferencias], responde que era "tremendamente intelixente", "un gran bebedor", "unha lingua viperina", un escritor "que non abría a boca a menos que lle desen cartos". E se lle mentas a situación do idioma, el enfurécese e as palabras amontóanselle excitado: "O galego é unha lingua enfebrecida pola lingua do amo". No medio, quedarían outras paixóns: a Literatura greco-latina [engastada a Carpe Diem como a árbore á súa sombra no mediodía de verán], a creación literaria [anda metido en tres novelas ao tempo], o fondo pedagóxico da súa experiencia como profesor, Lacan e a psicoanálise ["entendo o real como Lacan: o lugar do fantasma”], Uxío Novoneyra, a Xustiza do pobo e Galicia: "Hoxe é unha desfeita: case ninguén pide a independencia".

"Ata o 68", asegura, "eu estaba morto: vivía nunha castración simbólica absoluta: a da miña nai"

Xulio Calviño naceu na Xesta [Concello de Lalín] en 1947: a súa nai era mestra alí e o seu pai exiliárase en Venezuela despois da Guerra Civil [fora secretario do Partido Socialista no Deza e pesaban sobre el tres penas de morte]. Porén, a primeira vez que viu o mundo, foi en 1968, nas revoltas do maio compostelán: "Ata o 68", asegura, "eu estaba morto: vivía nunha castración simbólica absoluta: a da miña nai. Ela e o meu pai eran produtos do medo franquista, ela particularmente aterrorizada: polos seus compañeiros desaparecidos, polos seus compañeiros expedientados ou polos que foran fusilados. Hai que entedela como unha vítima do fascismo e do catolicismo, que a envolvía dun xeito absoluto, terrorífico". Co seu pai reconciliouse aos trece anos, cando volveu do exilio por unha amnistía da ditadura, e á súa nai comprendeuna despois de morta, ao regresar un día sobre os seus pasos ata a Xesta e atopar un home que tanguía vacas por un camiño. Entablaron conversa por casualidade e o home non tardou en recoñecelo como o fi- llo da mestra, unha das mulleres que el máis admirara na súa xuventude: clandestinamente, dáballe clases aos veciños nas palleiras para que puidesen emigrar cunha certa formación: polo menos, ler e escribir. Calviño evoca cun alaso profundo aquel home que "mantiña as últimas vacas da aldea contra todo criterio da rendibilidade porque non concibía a vida sen tocarlle ás vacas os tetos”: el liberouno dos prexuízos da súa nai ao desvelarlle o seu heroísmo silencioso.

Esa nai, absorbida polo "terror católico", internouno aos sete anos el e ao seu irmán [Xosé María Calviño] nos Paúles da Nosa señora dos Milagros [Baños de Molgas] para que foran cregos. Alí, pasou moito medo: medo físico, metafísico e poético. "Adorno dixo que despois de Auschwitz era unha barbarie escribir poesía, pero eu creo que, precisamente, despois de Auschwitz se volveu obrigado poetizar". Os Milagros foron o seu Auschwitz, un campo de concentración católico no que quedou preso dunha "proxección paranoica do real”, cunha "ferida do Eu non cicatrizable". O real, explica, "é o imposible: o lugar da lei e da morte do desexo. O real está cheo de buratos e os seus donos son os políticos, os pedagogos e os cregos. É unha impregnación letal". Iso non quita que nos Milagros fose feliz, "son cousas distintas" [a felicidade e a paranoia]: alí masturbouse por primeira vez, tivo as súas primeiras relacións homosexuais, a súa primeira erección e a súa primeira experiencia mística... Tamén viu por vez primeira "a carne corrompida como elemento do desexo... Eu era un querubín e a miña felicidade estaba construída a partir do terror-pánico".

Dos Paúles de Molgas trasladárono aos Paúles de Vilafranca do Bierzo e de alí fuxiu cando ao seu irmán lle armaron un "xuízo sumarísimo" por desobediencia: ambos foron dar a "un reformatorio", que é como el denomina á Academia Zorelle de Ourense. Logo pasou aos Dominicos da Coruña, "que era o mesmo que pasar da paranoia á esquizofrenia, dividido entre o mundo laico e o sagrado". Os dominicos, aclara, eran "os cregos da burguesía coruñesa: Todos fornicaban con folganza e todos acabaron pendurando os seus hábitos". Describe a cidade como a Venecia tenebrosa de Thomas Mann e lembra a súa cuadrilla de María Pita, coa que ía coller camaróns e pescar lubinas; ou o seu profesor de Matemáticas, un comandante do exército que lles daba clases en uniforme de gala e antes de dar a clase pousaba o sable sobre a mesa e prendía un Ducados. Todo cambiou en canto o seu pai [reinstalado en Galicia] lle permitiu ir ao instituto e Calviño descubriu un mundo alén da paranoia e da esquizofrenia. O seu primeiro contacto co exterior foi a través dun "compañeiro maricón no que os outros estudantes mallaban ata que cheguei eu e pelexei coa clase para protexelo. Tampouco creas que era un acto totalmente altruísta: o rapaz levábame a casa e permitíame entrar na súa biblioteca, algo que en min significou a irrupción do libro como exaculación, como tesouro que pode redifinir o mundo a partir dunhas claves das que só ti coñeces o enigma".

O instituto foi unha eclosión de liberdade e "un encontro co sexo en estado puro", fenómeno representado en certo xeito polo seu profesor de Latín, un home represaliado polo franquismo que lles lía a Catulo e lle ensinou a palabra irrumatio, ["os romanos chamaban irrumatio á realización dunha felación anal a unha muller"]. No instituto tamén se preparou para a que sería a súa gran aventura: a universidade: "Son dunha xeración que se educou entre cregos e necesitabamos a euforia de crear desde a nada a nosa mitoloxía. Non chegamos ao acto do suicidio físico pero sí ao do suicidio simbólico: todo o que había ao noso arredor era deserto".

"Son dunha xeración que se educou entre cregos e necesitabamos a euforia de crear desde a nada a nosa mitoloxía"

Chegou a Compostela en vésperas das revoltas estudiantís, nas que sería un activista entusiasta. Estivo no grupo que acantazou con adoquíns o tren de Fraga Iribarne, secundou o peche na Facultade de Historia ou o asalto ao Pazo da Universidade, e participou na mítica asemblea de Medicina, o cal lle acarreou a súa primeira estadía no cárcere. "Todos", evoca, "eramos militantes antifascistas, con diferentes matices. E todos tiñamos en común que queriamos acabar con aquel réxime ditatorial, aquela tiranía, o Gran Irmán, o Leviatán, a besta da Apocalipse..." Desde logo, non pasaba desapercibido, nin sequera para as autoridades académicas, que o expulsaron da Universidade: debeu acabar a carreira de Filosofía e Letras na Complutense de Madrid, onde tamén casou en 1970 [ten unha filla]. Ese mesmo ano, volveu pisar o cárcere tras ser detido por distribución de propaganda ilegal cerca de Compostela. Durante o xuízo, o seu pai pasou tanto medo que transpirou sangue. Volvendo atrás a mirada, pregúntase como as accións heroicas e as rebeldías de entón desembocaron na sociedade actual: "isto non é polo que loitabamos. Quedamos instalados no desastre da oclocracia [o goberno dos peores] e da cleptocracia [o goberno dos ladróns]. A súa impunidade é o resultado duns partidos que teñen o poder lexislativo, o xudicial e o político. Só o pobo sublevado, capaz de reclamar a lexitimidade, pode cambiar a situación: necesitamos un pobo en armas. Luís XVI non morreu e aínda latexa no pobo a pulsión da guillotina".

Ao falar da débeda dos estados, bota as mans á cabeza: "É inadmisible que España pague cen millóns de intereses por unha débeda de 33.000 millóns. Deleuze xa o dixo: o capitalismo nunca foi liberal: o capitalismo sempre é un capitalismo de estado. O grupo que detenta o poder e o goberno é o títere da banca e do capital. Non importa tanto esquerda ou dereita". Vivimos, engade, "no imperio das tres grandes panzas: a panza de Ubú, a de Oblomov e a de Falstaff. O pobo é o asoballado, o explotado, a vítima do magnicidio, e o pobo sábeo, pero é cómplice: cada pobo ten o goberno que se merece e cando cansa, sublévase e corta os gañotes dos panzáns. Hoxe, porén, desde a perspectiva de Europa, nesta festa de mentiras, mascaradas e carnaval, é inviable unha sublevación. Vivimos no século IV de Roma: somos un continente en pura decadencia. A sublevación deberá vir dos continentes explotados: teñen que ser de novo os bárbaros os que acaben co Imperio".

A transición pasouna Xulio Calviño roldando por varios traballos. Licenciouse pero non puido opositar porque, ao pasar polo cárcere, carecía de certificado de boa conduta. O seu pai mercoulle un pasaporte falso por 50.000 pesetas e marchou dar clases de prácticas de español en Irlanda do Norte. Ía coa idea "de non regresar ata que morrese o tirano, pero foi tal a saturación que tiven dunha sociedade tan hipócrita como a británica que volvín aos dous anos a Galicia". Sentíanse tan agobiados el e a súa muller en Irlanda do Norte que as fins de semana baixaban a Dublín para fuxir da dobre moral que os asfixiaba. Finalmente, coa relaxación lexislativa, puido sacar a oposición de instituto e buscou unha praza o máis lonxe posible da Coruña [acabou en Málaga]. Foi unha fuxida que durou 32 anos, ata apartarse voluntariamente do ensino: o testamento onde explica o porqué dese abandono titúlase Sherezade. Crítica da razón pedagóxica. "A chegada do PSOE ao goberno", enfurécese, "destruíu os últimos rescoldos do ensino público: desmontárono para entregarllo aos cregos e á patronal".

Entrou, a partir de aí, nunha crise tremenda que levou por diante o seu matrimonio e o seu patrimonio. Durante uns anos, dedicouse a organizar orxías nunha finca con 1.500 limoeiros e laranxeiras que posuía en Cártoma (Málaga), e foi "o home máis feliz do mundo en compaña de putas" e en medio de maratóns sexuais. Pero unha vida así resultaba difícil de soster e debeu vendelo todo para pagar "as débedas cos puticlubs". Os cartos que lle quedaban gastounos nun psicanalista cego [como Tiresias, o vedor de Tebas] que lle pasaba consulta cun garda xurado "polo medo que lle metín no corpo". Non era para menos: nada máis sentar no diván espetoulle que estaba alí para desmontarlle a súa impostura e, nos días sucesivos, non deixou a mínima oportunidade para demostrarlle que non fachendeaba. "Era un psicanalista surreal", bota a rir Calviño, axitando o seu corpo nervudo, "que só quería amasar cartos e comprar cabalos. A un púxolle o meu nome e aconselleille que llo cambiase polo de Incitatus [o cabalo de Calígula], moito máis simbólico... Pero el absorbeu as miñas miasmas: convertinme nun Narciso roto e entrei no baleiro absoluto, que é unha forma de plenitude porque o baleiro nos libera da mentira".

"O único que pretendo é vivir no baleiro da mó- nada de Leibniz, travestido como prisioneiro da caverna de Platón"

Salvado do seu reflexo e de Edipo ["porque Narciso está antes e despois de Edipo"], volve á Coruña e intenta “desesperadamente" reconstruír a súa mocidade: “Había unha pulsión de morte e quería restaurar unha xenealoxía que só se podía ler ao revés. Pero o que atopei de fronte foi a morte mesma ou, o que é peor, a loucura: todos os meus vellos amigos desapareceran ou estaban nunha clínica de repouso". Nesa circunstancia de frustración e angustia, toma unha decisión definitiva: seguir a máxima de Epicuro: Lathe biosas: vive no oculto, no anonimato. Mentres lle dá á copa un pequeno grolo, reafírmase na decisión: “o único que pretendo é vivir no baleiro da mó- nada de Leibniz, travestido como prisioneiro da caverna de Platón”.



x