XULIO VILLAVERDE / PRESIDENTE DA ASSOCIAÇOM JOSÉ AFONSO - GALIZA

“O Zeca chegou ao noso país só cunha guitarra, e deixou pegada”

“O Zeca chegou ao noso país só cunha guitarra, e deixou pegada”
Xulio Villaverde
Xulio Villaverde  

O comisario de exposicións Xulio Villaverde (Santiago de Compostela, 1961) é presidente e un dos principais impulsores da Associaçom José Afonso–Galiza (AJA). A organización inicia a súa traxectoria o próximo sábado 27 de xaneiro, cando celebrarán en Santiago de Compostela unha palestra e un concerto homenaxe ao cantautor portugués.


-Como xurdiu a idea de formar unha AJA na Galiza?

-Eu estiven morando en Lisboa durante 15 anos, e desde 2013 pertenzo a AJA Portugal. Colaboraba con eles en eventos e, cando vin para Galiza, sentín a necesidade de poder continuar a traballar desde aquí. Púxenme entón en contacto con AJA Portugal e eles dixéronme “à frente, companheiro, tens todo o nosso apoio”, polo que comecei a contactar con varias persoas que sabía que estarían interesadas e, a partir dunha primeira reunión e das indicacións de AJA Portugal, puxémonos a camiñar sós.

-A asociación decidiu utilizar a norma ortográfica de AGAL para a súa expresión escrita. Por que?

-Nós queremos reforzar lazos co sur da Raia, reforzar toda esa cultura e tender pontes de intercambio cultural a través da música, da literatura e tamén, como non, da lingua. O noso país é un punto de saída importante da figura do Zeca que sempre estivo moi unido a Galiza, onde deixou moita pegada.

-Por onde pasa o futuro da asociación?

-Por agora estamos centrados no día 27 de xaneiro, e logo iremos medrando por toda Galiza. Imos manter sempre as datas esenciais como o 25 de abril e os aniversarios do Zeca e dos seus concertos na Galiza. Non pretendemos que sexa unha asociación de carné de socio que paga unha cota nin ir tirando de subvencións, senón que queremos unha asociación aberta e participativa na que todas as persoas implicadas teñan voz e voto. Daí que queiramos construír distintos núcleos polo país, que traballen en conxunto e por si propios.

-Como describiría a relación de José Afonso coa Galiza?

-O Zeca Afonso chegou a Galiza cunha guitarra e mais nada. Non o coñecía ninguén e desde ese momento até o concerto en Castrelos, Vigo, no que había miles de persoas, foi tempo duns meses. El, como referencia da canción protesta portuguesa, deixou pegada aquí polas súas cancións. O seu tema Grândola, vila morena estreouse aquí, en Santiago de Compostela, antes de que marcase esa pauta para a Revolución dos Cravos. Penso que moitos galegos de hoxe en día saben iso, mais quizais sexa unha figura máis descoñecida entre a xente moza que non ten vinculación política. Por iso, desde AJA-Galiza queremos dar vida a todas as cancións deste grande intérprete.