A Xunta agrupa 12 festivais de música na etiqueta Festivas que fan Camiño

A Xunta agrupa 12 festivais de música na etiqueta Festivas que fan Camiño
Participantes na presentación de Fest Galicia 2019 o pasado 19 de xuño. O cuarto pola esquerda na primeira fila é o Conselleiro de Cultura Román Rodríguez. Foto: www.festgalicia.gal.
Participantes na presentación de Fest Galicia 2019 o pasado 19 de xuño. O cuarto pola esquerda na primeira fila é o Conselleiro de Cultura Román Rodríguez. Foto: www.festgalicia.gal.  

Unha ducia de festivais, da máis variada programación e repartidos por toda a xeografía galega -aínda con predominio atlántico-, conforman a etiqueta Fest Galicia, creada pola Consellaría de Cultura e Turismo, que este ano creou a etiqueta Festivais que fan Camiño. “Son estratéxicos para a promoción do turismo musical de acordo con criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social”, afirma a Xunta.


Hai citas pop rock en sentido amplo, como o PortAmérica de Caldas de Reis, o Atlantic Fest na Illa de Arousa, o Vive Nigrán, o Festival da Luz de Boimorto ou o SonRías Baixas de Bueu. Encontros de tradición combativa, o caso do Revenidas de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa). Citas máis ou menos especializadas, como o Resurrection Fest de Viveiro en sons da familia metálica ou o Sinsal SON Estrella Galicia, en San Simón, nos bordos máis exquisitos dese caixón de xastre chamado indie. O 17º Ribeira Sacra é especial sobre todo polo escenarios. E WOS Festival por talvez conformar a más arriscada programación dos 12, cada vez máis electrónica e con incursións experimentais.

“Esta iniciativa da Xunta vincúlase estreitamente ao Xacobeo 21 baixo o lema Festivais que fan Camiño”, di o Goberno un comunicado, en que anuncia que “organizará novas campañas de concienciación a prol da igualdade e da prevención da violencia, do uso do galego, do respecto medioambiental ou do fomento de calores positivos para a xuventude”. Un posto coa marca oficial será “o epicentro” das actuacións gobernamentais.

“As 12 citas asociadas son moi diferentes, pero todas teñen en común a aposta pola calidade, a singularidade e a sustentabilidade, que son á súa vez tres das claves da marca”, afirmou Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, na presentación de Fest Galicia 2019 a cuarta feira 19 de xuño. Todas as explicacións oficiais substáncianse no “apoio económico adicional ás subvencións específicas que o Goberno galego convoca cada ano para eles”. Fest Galicia ten 350.000 euros de dotación para contratos de patrocinio coas empresas organizadoras dos eventos.

Na presentación participaron cargos do Goberno galego implicados na iniciativa e que pertencen á Secretaría Xeral de Igualdade, á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, á Dirección Xeral de Xuventude e mais á Secretaría Xeral de Política Lingüística.