ENTREVISTAMOS ROSARIO ÁLVAREZ

“A Xunta atende os nosos consellos unhas veces máis que outras”

“A Xunta atende os nosos consellos unhas veces máis que outras”
[Imaxe: CCG] Rosario Álvarez
[Imaxe: CCG] Rosario Álvarez  

Catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952) é presidenta do Consello da Cultura Galega desde 2018. Entrevistámola nun momento en que o órgano de carácter asesor e consultivo conta cunha ampla programación de actividades, como a organizada ao redor da divulgación científica, a da vespa velutina ou a da produción de sal na costa da Guarda e Viana do Castelo. Eis un extracto da conversa, publicada no número 342 de Sermos Galiza.


Como define o seu proxecto á fronte do Consello da Cultura Galega?

Non é fácil definilo, pero eu iría sobre todo a dous ou tres eixos complementarios. Un ten a ver coa miña vontade de contar cunha pluralidade o máis ampla posíbel de axentes culturais da cultura galega –de aí a chamada ás academias, as asociacións ao redor dun escritor ou escritora, museos…–. Temos a vontade de contar con eles, de saber a súa opinión, de intercambiar a información. Intentar atender todo o ecosistema cultural e estabelecer canles con eles. É un reto necesario. Non quero dicir que antes non se fixese, senón que queremos que se faga máis intensamente.

Nunha liña parecida está a igualdade. Unha igualdade que vai máis alá do xénero. Refírome á igualdade de acceso á cultura, á democratización da cultura. O Consello non ten que facer a programación cultural do país, nin moitísimo menos, pero si ten que alertar sobre a necesidade de que chegue a todas as persoas. O acceso á cultura ten que se interxeracional. Tamén hai que ter en conta a igualdade de hábitat. Como non vai haber un abandono do rural se o desprovemos de cuestións básicas como é a cultura? O Consello ten que advertir que se está a crear un gran desequilibrio social porque o acceso á cultura non está garantido en moitas áreas de Galiza. E hai unha igualdade territorial, porque non é o mesmo situarse no eixo atlántico que no oriental. Iso é unha fractura, de feito, entre dúas Galizas. Temos que alertar dos retos que hai que vencer.

E o terceiro eixo?

En canto ao terceiro eixo, salientaría que entendemos por Galiza. Quero borrar o adxectivo de exterior cando se fala de cultura galega. Cando falamos de exterior pensamos no traballo de promoción e difusión de cultura galega fóra dos límites administrativos de Galiza. Temos que exportar a nosa cultura xunto coa imaxe do país: a excelencia dos produtos, unha imaxe dunha Galiza contemporánea e moderna, cunha lingua propia… pero, ollo, non é o mesmo iso que a cultura galega que se fai fóra. Os galegos que se atopan fóra están facendo cultura galega. Hai a Galiza territorial, si, e sabemos cales son os seus límites, mais hai unha tradición global. Nós somos un pobo espallado no mundo. Non hai unha cultura galega do exterior, senón global. Unha Galiza global que fai cultura galega desde moitos lugares do mundo. É fundamental que o ecosistema da cultura galega non quede fechado nos límites administrativos de Galiza. Hai unha Galiza máis ampla.

Que papel desenvolve aí a lusofonía?

Pensamos na cultura exterior nos dous sentidos –de difusión e o que se crea alí– e naturalmente énos moito máis doado difundila na Arxentina ou no Brasil que en Casaquistán. Contamos con vías privilexiadas de difusión da cultura galega en sociedades que non son galegas con todo o mundo da nosa emigración e en Europa ao redor do Camiño de Santiago. Temos tamén a nosa cultura marítima –somos un país de navegantes, de embarcados–. Poderiamos ir a Cabo Verde, aínda que non fose lusófona, falar de Galiza porque existe un vínculo. E, evidentemente, temos a lusofonía. Debemos aproveitar esa plataforma extraordinaria. Podemos ir a Cabo Verde falando galego e a conversa flúe facilmente.

Atende a Xunta seus consellos do CCG como órgano asesor que é?

Unhas veces máis que outras, naturalmente. Ás veces son eles quen encargan informes. Por exemplo, a diagnose da cultura galega foi un encargo que fixeron e aseguraron que a terían en conta, así como as propostas que engadimos. Non sei até que punto están de acordo, en que porcentaxe están de acordo ou non. Sei que as manifestacións públicas no propio plenario teñen a ver con que lles pareceu un bo traballo, mais veremos o que aceptan e o que non aceptan. Cando foi o informe das fundacións pouco se fixo, pero pasados uns anos algúns dos pasos que se dan desde a Consellaría van nalgunha das direccións que se apuntaban naquel documento.

No caso do informe sobre o decreto do plurilingüismo, a Xunta desoíu o ditame do Consello da Cultura Galega.

Aquilo era unha posición tomada que formaba parte dun programa político claro. Non houbo ningunha volta atrás desde aquela posición tan firme e dura que xa estaba adoptada desde o inicio. Até que punto, por razóns mesmo de estratexia política, lles resultaba intolerábel dar un paso atrás ou até que punto lles pareceu que as razóns dadas non eran suficientes?

[Podes ler a entrevista íntegra no número 342 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]