Xurxo Lobato estrea o documental "Hermanos Mayo, Guerra Civil Española”

Xurxo Lobato estrea o documental "Hermanos Mayo, Guerra Civil Española”
Julio Mayo © xurxo lobato
Julio Mayo © xurxo lobato  

O fotógrafo coruñés presenta hoxe un filme no que se conta a historia dos irmáns Mayo, uns fotógrafos  republicanos coruñeses que tiveron que fuxir a México onde montaron a axencia de Hermanos Mayo. 


En realidade, os irmáns Mayo apelidábanse Souza pero puxéronlle de nome á axencia Mayo polas súas simpatías proletarias. Naceron e medraron na Coruña, pero a morte de seu pai obrigounos a ir a Madrid  onde remataron dedicándose ao fotoxornalismo.

Paco, Cándido e Julio fundaron a axencia ao comezo da Guerra Civil e traballaban fundamentalmente para revistas esquerdistas como Mundo Obrero ou Renovación. Fixéronlle seguimento da actividade política de Dolores Ibárruri, por exemplo, e tiveron ocasión de fotografar a Revolución de Asturias de 1934. 

Coa derrota da República, os irmáns deciden marchar a México e fundar alí a axencia, onde se converterán nunha referencia nacional. Publican imaxes en revistas internacionais do talle de Life ou Time e reciben importantes galardóns como o Premio Nacional de Xornalismo en 2007. En 1994 doaron todo o seu arquivo, formado por cinco millóns de negativos, ao Arquivo Nacional da Nación.

“En México son unha auténtica institución, eran moi queridos”, sostén Lobato, quen presenta esta noitiña no Fórum Metropolitano unha fita baseada en 6 horas de entrevista co único dos irmáns que vive, Julio. “Todo partiu dunha exposición de fotografías dos Hermanos Mayo da Guerra Civil. Conseguín traer de México a Julio Mayo con noventa e pico de anos, un tipo cunha cabeza impresionante, e decidín gravalo porque me pareceu unha oportunidade excepcional e histórica ter diante un supervivinte da Guerra Civil que nos fala da súa historia en primeira persoa”, explica o fotógrafo. 

No filme Julio conta “todas as súas peripecias, a Guerra Civil, o exilio en México cando montan a axencia fotográfica Hermanos Mayo. Alí veremos a conversa e todo un percorrido pola Coruña que el viviu. E as fotos da Guerra Civil, eran fotografías que atopei na Biblioteca Nacional en Madrid”, remata Lobato. 

Poden ver o filme na web de Xurxo Lobato ou en Youtube: