DO 12 AO 20 DE OUTUBRO

Máis Galicreques por toda Galiza

Máis Galicreques por toda Galiza
Fotografía do espectáculo 'A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza', d'A Xanela do Maxín
Fotografía do espectáculo 'A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza', d'A Xanela do Maxín  
O Festival Internacional de Títeres Galicreques celebrará en Santiago de Compostela a súa vixésimo cuarta edición entre o 12 e 20 de outubro cunha ampla programación que se estenderá un ano máis a outros concellos e salas da Galiza.

A XXIV edición do Festival Internacional de Títeres Galicreques expande a súa programación e, alén de Compostela, levará un total de 22 funcións nas vindeiras tres semanas aos concellos de Carral, Culleredo, Arteixo e Betanzos, así como á Sala Gurugú da Coruña e á Sala Ártika de Vigo. Esta última acollerá un total de seis funcións entre o 12 e o 20 de outubro, mentres que a coruñesa Sala Gurugú albergará outras cinco obras nas mesmas datas, segundo indica a organización en nota de prensa.   

Espectáculos infantís, representacións ao aire libre, mesas redondas, exposicións, cursos e obradoiros de monicreques de dedo, de teatro en miniatura ou de mimo e figuras corporais completan a programación desta XXIV edición do Festival Galicreques. 

A primeira das paradas, alén de Compostela, será Arteixo. Alí, na sexta feira 4 de outubro, a compañía Panta Rhei (Euskadi) ofrecerá para o público escolar o seu espectáculo Noa, ¡¡¡uy, uy, uy!, no Centro Sociocultural de Meicende, ás 11 horas. Xa no serán, ás 20 horas, A Xanela do Maxín representará A toupiña que quería saber quen lle fixera iso na cabeza. A derradeira das funcións desta edición na vila será o sábado 19 de outubro, ás 18 horas, da man de Nino&Mambrú e a peza Limpiabotas

Pola súa banda, o concello de Culleredo acollerá outras tantas funcións de Galicreques. Bota a andar tamén na sexta feira, 4 de outubro, ás 19.30 horas coa peza Tolitates, da compañía Trécola. A seguinte das sesións será na próxima sexta feira, 11 de outubro, á mesma hora, onde Títeres Cachirulo, Chachakün e Tres Tigres representarán a súa visión de Julio Cortázar coa obra Cronopios. Por último, na sexta feira 18 de outubro a compañía La Mar de Marionetas representará Pazzzzzz. Todas elas no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. 

A Xanela do Maxín representará 'A toupiña que quería saber quen lle fixera iso na cabeza'

En Carral represéntanse dúas funcións. A primeira delas será na quinta feira 10 de outubro, no Local Xente Nova de Tabeaio ás 12 horas, con Larei Lará e a súa adaptación do clásico Brancaneves. Partillando espazo, mais xa o domingo 13 de outubro, A Xanela do Maxín representará A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, mais desta volta ás 18 horas.

Xa por último, o Liceo de Betanzos xunta as tres funcións escolares entre a cuarta feira 23 e a sexta feira 25 de outubro. Deste modo, na cuarta feira 23, ás 11.30 horas, Nella Férrez representará unha versión persoal da Carapuchiña. Na quinta feira 24 de outubro, á mesma hora, a compañía arxentina Chachakün subirá ao escenario o espectáculo El investigatopo. A despedida será na sexta feira 25 ás 11.30 horas, da man dos Cronopios, unha coprodución galego-arxentina de Tres Tigres, Chachakün e Cachirulo.

A Sala Gurugú e a Sala Ártika

Desde o sábado 12 até o domingo 20 de outubro, a Sala Gurugú apousenta cinco funcións do Festival de Galicreques. Arrinca o sábado 12 de outubro ás 18.30 horas da man da compañía arxentina Teatro Piedra Libre, que representará a obra Caminito entre cartas. A esta séguelle Mad Compass, o domingo 21 de outubro ás 12.30 horas, con El barrendero e Limpiabotas. A seguinte posta en escena será na sexta feira 18 de outubro, ás 18.30 horas, coa estrea en Galiza da compañía arxentina La Pelela Títeres coa peza Vairoleto, pechito libre. O sábado 19, Nella Férrez representará La Caperucita e, xa o domingo 20 ás 12.30 horas, os manchegos de Títeres Larderos porán o ramo na Coruña coa peza Pelos, misión, bolsa y paso.

A Sala Ártika de Vigo daralle acubillo a seis citas. A primeira, o sábado 12 de outubro ás 18.00 horas, será Mad Compass con El barrendero e Limpiabotas. Ao día seguinte, o domingo 13 de outubro, á mesma hora, Títeres Cachirulo, Tres Tigres e Chachakün farán o mesmo con Cronopios. A esta séguelle Titiritada Cabaret, que subirá ao escenario o 17 de outubro ás 22 horas e, na sexta feira 18, a compañía bosnia-peruana Gaia Teatro representará Desde el azul ás 21.30 horas. A programación continúa o sábado 19, ás 18 horas coa compañía Títeres Larderos, procedentes de Castilla La Mancha, encargadas de levar ao escenario a peza Pelos, misión, bolsa y paso. Xa por último, o domingo, á mesma hora, a compañía arxentina La Pelela Títeres pechará o programa en Vigo coa obra Vairoleto, pechito libertario.

Espectáculos infantís, representacións ao aire libre, mesas redondas, exposicións, cursos e obradoiros de monicreques de dedo, de teatro en miniatura ou de mimo e figuras corporais completan a programación desta XXIV edición do Festival Galicreques. A páxina do Festival e o programa completo pode consultarse aquí