CUARTA EDICIÓN ESTE 16 DE MARZO

Yolanda Castaño, Germán Díaz ou Eva Mejuto na Feira do Libro de Monterroso

Yolanda Castaño, Germán Díaz ou Eva Mejuto na Feira do Libro de Monterroso
A Cúpula de Monterroso, onde se celebra a Feira do disco e Libro Galego. Foto: cedida.
A Cúpula de Monterroso, onde se celebra a Feira do disco e Libro Galego. Foto: cedida.  

A Feira do Disco e o Libro Galego de Monterroso consolídase. Para a cuarta edición, que se celebrará na vila ulloá este sábado 16 de marzo, a asociación cultural 25 Xastres preparou un completo programa de presentacións, concertos e obradoiros.
 


Cociñando con Bolboretas no Bandullo é un taller gastroliterario para cativas e cativos que, ás once da mañá, abrirá o encontro. Seguirao a presentación do segundo libro de Diego Giráldez, Hotel para coleccionistas discretos (Galaxia, 2019). Ás once e media, Toño Núñez falará do seu, A gotiña viaxeira.

cartaz

Ás doce do mediodía, Chuches Amil, o proxecto musical infantil de Fran Amil, ofrecerá o seu espectáculo Monstros. Cincuenta minutos despois, Inma López Silva presentará Chámame señora pero trátame como un señor (Galaxia, 2018), o seu ensaio sobre o machismo na cultura. As actividades de mañá rematarán coa presentación do disco Fonsagrada, do Candorka Trío.

aCentral Folque e a súa colección Cámara Escura reanudarán a feira a partir das catro e dez da tarde. Ás cinco menos cuarto, Cairón, o boletín do Instituto de Estudos da Ulloa, amosará aos asistentes o seu terceiro número. Paco Nogueiras dará un “concerto para [email protected]” baseado en RadioBuleBule.

O puño e a letra (Xerais, 2018), o experimento co que Yolanda Castaño investiga nas relacións entre poesía e banda deseñada, terá a súa quenda ás seis e vinte. Benxamín Otero e Germán Díaz amosarán o seu novo proxecto, Trece cancións bonitas, ás sete e cuarto. Ás oito, Eva Mejuto fará o propio coa súa novela Memoria do silencio (Xerais, 2019).

O acto que pechará a Feira do Disco e o Libro Galego será un concerto de Zoelas, que estrean o seu álbum evelaités. Durante a xornada, autoras e autores como Carlos Meixide, a poeta local Ana Vila, Xosé Duncan, Estefanía Padullés, Adolfina Mesa ou Strazz asinarán exemplares das súas obras nalgún dos múltiples postos de editoriais, libraría, discográficas que poboarán a Cúpula de Monterroso.

“A feira é un punto de encontro en que poder disfrutar da cara máis lúdica da cultura e que pretende dar visibilidade e potenciar estes dous medios de difusión cultural nun mesmo espazo e co galego como lingua vehicular”, expón a organización.

Nota: cartaz da IV Feira do Libro e Disco Galego de Monterroso.



x