40 AUTORES DEBUXAN OS SEUS POEMAS

Yolanda Castaño inaugura o “cómic poético” para a literatura galega

Yolanda Castaño inaugura o “cómic poético” para a literatura galega
A poeta Yolanda Castaño amosa 'O puño e a letra', a escolma dos seus poemas interpretados por 40 autores e autoras de banda deseñada. Foto: cedida.
A poeta Yolanda Castaño amosa 'O puño e a letra', a escolma dos seus poemas interpretados por 40 autores e autoras de banda deseñada. Foto: cedida.  

O diálogo entre poesía e banda deseñada era inédito na literatura galega. Non no exterior. “Este é o primeiro libro da tradición editorial galega que a fronta a descuberta do xénero internacionalmente coñecido como Comic Poetry”, explica Yolanda Castaño (Compostela, 1977), que asina os textos ilustrados por 40 autores en O puño e a letra (Xerais, 2018).
 


Os 40 poemas de Castaño que recolle o volume trazan un percorrido pola súa recoñecida obra. De Beber leite a O signo é o significado, entre Elevar as pálpebras (Espiral Maior, 1995) e A segunda lingua (Pen Clube, 2014), O puño e a letra constitúe, ao tempo, unha colección de “novos enfoques”. “Son novas vidas que adquiren en forma de cómic, como noutras ocasións a través da música, no audiovisual, na performance”, escribe a poeta no Limiar.

Para construír este subxénero inaudito, 40 debuxantes achegaron as súas lecturas da poesía de Castaño. “Dos nomes máis veteranos aos que irrompen con paso coraxoso no territorio da nosa banda deseñada”, engade, “transitaron abrindo polos camiños do simbólico, por carreiros máis próximos á sensorialidade, á impresión suxectiva ou ao impacto emocional”.

Así, cando Miguel Cuba tranforma en cadriños Listen and repeat. Un paxaro, unha barba coa súa liña clara que remite aos grandes estadounidenses da banda deseñada independente, demarca un novo territorio. Non é exactamente poesía, non é exactamente cómic. “E eu aprendo a diferenciar entre unha barba e un paxaro / máis alá de que levante o voo / se trato de collela / entra as mans”, di o poema.

“Estas 40 intepretacións en viñetas ofrecen análises pesonalísimas”, afirma a escritora, “algunhas delas clarificadoras dos textos literarios, outras amplificadoras, matices, compango; outras tamén acaso aínda escurecedoras, escapistas, contraditorias”.

Os debuxos corren a cargo de Norberto Fernández, Alberto Taracido, Cristian F. Caruncho, Jano, Fran Jaraba, Xulia Pisón, Paula Esteban, Fran Bueno, Xulia Vicente, David Rubín, Miguel Robledo, Manel Cráneo, María Ferreiro, Alicia Jaraba, Víctor Rivas, Kike J. Díaz, Xosé Tomás, Anxo Cuba, Os Bravú (Dea Gómez & Diego Omil), Yupiyeyo, David Pintor, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado, Roberta Vázquez, Xan López Domínguez, Siro, Xaquín Marín, Rubén Mariño, Pepe Carreiro, Santy Gutiérrez, Martín Romero, Ramón Trigo, Brais Rodríguez, Miguel Cuba, Cynthia Alonso, Abraldes, Miguel Porto, Fernando Iglesias, Kohell, Tokio e Dani Xove.

Yolanda Castaño presentará O puño e a letra (Xerais, 2018) a vindeira terza feira ás 19.30 horas na libraría Moito Conto da Coruña.



x