RESCATE EN DISCO DE DOUS CONCERTOS INÉDITOS DE JOSÉ AFONSO

O Zeca volve aos escenarios

O Zeca volve aos escenarios
De esquerda a dereita, Henrique Tabot, José Afonso, Guilherme Inês e Júlio Pereira en 1980. Trátase da formación que actuou no concerto de 1980 en Carreço. Foto: Associação José Afonso.
De esquerda a dereita, Henrique Tabot, José Afonso, Guilherme Inês e Júlio Pereira en 1980. Trátase da formación que actuou no concerto de 1980 en Carreço. Foto: Associação José Afonso.  

Galinhas do mato (1985) foi o derradeiro disco en vida de José Afonso. Xa moi enfermo, a súa voz apenas comparece en dúas cancións. O seu testamento ficou así demediado. Mais os arquivos, oficiais e oficiosos, adoitan agochar sorpresas. O vindeiro 6 de abril publicarase a gravación de dous concertos inéditos do Zeca, un de 1968 e outro de 1980.
 


En 1968, José Afonso (Aveiro, 1929-Setúbal, 1987) atopábase en transición. Vital -viña de regresar dun estadía no Moçambique colonial como mestre- e musical: Cantares do andarilho (1968), o seu primeiro traballo editado por Orfeu, recuperaba aires tradicionais e fornecíaos de lírica alegórica e antiautoritaria. Ao ano seguinte, Contos Velhos, Rumos Novos funcionaría, xa desde o título, como o primeiro dos seus varios manifestos fonográficos.

1ª actuação de Zeca no Teatro Avenida - foto associação josé afonso

José Afonso ao vivo, así se titula o rescate da discográfica Tradisom, inclúe un rexistro daquela etapa. Era o día 4 do mes de maio de 1968, tan convulso, e o cantor actuaba no Teatro Avenida de Coimbra acompañado unicamente de Rui Pato. Na audiencia camuflábanse non poucos axentes da policía secreta do salazarismo, a PIDE. O documento existe porque o profesor agora xubilado Jorge Rino gravouno en bobina.

Foi o editor José Moças quen achou a peza, ao pescudar a partir dunha fotografía pendurada en Internet. Antes fixera o propio coa actuación de 1980, un 23 de febreiro na Sociedade de Instrução e Recreio de Carreço, ao carón de Viana do Castelo. “Un amigo do Júlio Pereira, de Carreço, gravara o concerto”, relatou Moças ao xornal portugués Público, “pedinlle o contacto, e todo comezou así, nun encontro ocasional”.

Aquel 1980, o sexto ano despois da Revolução dos Cravos, o Zeca deixaba atrás o tramo máis politizado da súa obra. Entre Cantigas do Maio (1971) -que contén o Grândola, Vila Morena- e Fura fura (1979), sucedéronse elepés esteticamente avanzadísimos, politicamente radicais, cumios da música de intervención europea: Eu vou ser como a toupeira (1972) -en que colabora Benedicto, de Voces Ceibes-, Venham mais cinco (1973), Coro dos tribunais (1974), Com as minhas tamanquinhas (1976) e Enquanto há força (1978).

Poucos músicos poden presumir dunha secuencia de traballos desta envergadura artística. Incorpora influencias africanas, brasileiras, experimenta coa poesía, celebra a emancipación dos pobos e a unidade proletaria, e nútrese das achegas de José Mário Branco, o seu estreito amigo e autor dos fundamentais Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades (1971), Margem de certa maneira (1973) ou Ser Solidário (1982).  

JoseAfonsoAoVivo cuberta

No concerto de Carreço subiron ao palco como banda do Zeca o mesmo Júlio Pereira, Guilherme Inês e Henrique Tabot. O organizador foi o fan Manuel Mina, empeñado en presentalo na súa terra. Empregara un curioso método. “Andou pola freguesía cunha folla de papel a recoller os nomes de quen asistiría ao espectáculo sen sequera ter unha data, só para garantir a billeteira”, contou Moças á Axencia Lusa.

José Afonso ao vivo, en prevenda no web de Tradisom ate o 20 de febreiro, sae en formato caixa, con dous cedés, un vinilo e un libro de máis de 80 páxinas redactado polo xornalista Adelino Gomes, que en 1967 foi o primeiro en entrevistar José Afonso ao seu retorno de Moçambique. A presentación será o 6 de abril no mesmo local do concerto de 1980.

Nota: arriba, imaxe do concerto de José Afonso (esquerda) con Rui Pato no Teatro Avenida de Coimbra en 1968. Abaixo, a edición de José Afonso ao vivo.



x