Aspas ao rescate

Aspas ao rescate
Imaxe: RC Celta
Imaxe: RC Celta  

O hat trick do de Moaña perante o Eibar serve en bandexa a Antonio Mohamed unha clara vitoria no marcador (4-0) mais non despexa as dúbidas sobre o xogo celeste.


Sobrepasando ídolos e xenios doutrora como Mostovoi ou Gudelj, Iago Aspas ten xa desde hai tempo capela propia na parroquia celeste. Unha capela que o de Moaña está a agrandar partido a partido camiño de facela catedral. O rapaz espilido que xogaba ao balón na vila que leva tatuada na cerna o remo (dúas das mellores traiñeiras galegas, Tirán e Meira, son de alí) aparece sempre que se lle necesita e o Celta, e sobre todo Antonio Mohamed, precisaban del. Apareceu Aspas, após unha noite no hospital acompañando o nacemento da súa filla, marcou tres goles e volveu para o hospital.

A contundente vitoria no marcador perante o Eibar (4-0) non foi tal en canto a xogo. De feito, as dúbidas sobre o xogo celeste non se disiparon nun partido no que o que decidiu foi a pegada de Aspas. A equipa galega estivo desorientada gran parte do tempo, sen saber comos sacar o balón desde atrás, por momentos mesmo perdendo a serenidade.

O primeiro gol do Celta foi madrugador. No minuto 5 e por Aspas. Foi un gol que aliviou un Balaídos tenso, mesmo crispado, por comprobar que a marcha do Celta nestes últimos encontros non era o que se prevía. Xa o di a cantiga celtista, tabernaria e popular: "E pediron a cabeza / do señor entrenador(e)". Antonio Mohamed estaba estas últimas semanas no punto de mira.

Mais foi marcar o primeiro gol e o Celta renunciar. O Eibar foi estendendo o seu dominio, achegándose ao área celeste mais sen lograr concretar. Os vigueses non o estaban a pasar ben, caendo nos mesmos erros e dúbidas que en encontros anteriores. Foi entón cando chegou o segundo gol, unha xenialidade de Aspas, con preciosa vaselina para sobrepasar o adiantado porteiro 'armero'.

A segunda metade volveu ser de dominio vasco, que estaba volcado no campo do Celta. Mais os folgos non eran os dos primeiros 45 minutos e iso notábaselles. O Celta aproveitou unha contra para volver marcar e rematar así o encontro. Un tanto de Brais Méndez, outro fruto da canteira celtista.

Xa todo estaba resolto mais a Aspas faltáballe algo. E obtívoo: aproveitou un erro defensivo do Eibar para marcar de novo, hat trick. Tres goles, tres puntos e a cabeza do adestrador, de momento, a salvo.

Ficha técnica

Celta (4): Sergio, Hugo Mallo, Roncaglia, Cabral, Juncà, Beltrán, Lobotka, Brais Méndez, Emre Mor (Okay, min.74), Iago Aspas (Dennis, min.85), Boufal (Sisto, min.81).

Eibar (0): Riesgo, Bigas (Cucurella, min.68), Cote (Sergio A., min.68), Peña, Arbilla, Diop, De Blasis, Orellana, Jordán, Sergi Enrich (Charles, min.57), Kike.

Goles: Iago Aspas (1-0, min.5), Iago Aspas (2-0, min.36), Brais Méndez (3-0, min.56), Iago Aspas (4-0, min.82).

Árbitro: González González, do comité madrileño. Sen cartóns

Campo:Balaídos (15.509 espectadores).



x