DOUS GOLES DO MOAÑÉS NA SÚA REAPARICIÓN

Aspas dálle vida ao Celta

Aspas dálle vida ao Celta
Maxi Gómez celebra o empate [Foto: RC Celta]
Maxi Gómez celebra o empate [Foto: RC Celta]  

Dous goles de Aspas e un de Maxi Gómez, todos eles na segunda parte, permitíronlle ao Celta remontar un partido que principiou moi mal tralos dous goles do Vila-Real no primeiro treito do encontro disputado en Balaídos. 


Iago Aspas volveu demostrar por que é o xogador franquicia do Celta de Vigo cunha actuación estelar e dous goles que, canda o que conseguira para empatar o choque Maxi Gómez, serviron para remontar os tantos iniciais do Vila-Real, un rival directo na loita pola permanencia en Primeira División. 

O partido púxose axiña costa arriba para o equipo vigués, que encaixou dous goles no primeiro cuarto de hora asinados por Ekambi e Pedraza. Os xogadores de Fran Escribá non baixaron os brazos e intentaron recurtar distancias, mais non puideron no primeiro tempo. O mellor chegou tralo tempo de lecer. Aspas marcou de falta directa nos primeiros minutos da reanudación e, no ecuador, unha combinación entre Hoedt, Olaza e Maxi rematou en gol tras un testarazo do dianteiro uruguaio. Un penalti transformado por Aspas a uns minutos para chegar ao tempo regulamentario selou a remontada e deixou os tres puntos en Balaídos. O Celta está agora a un punto da salvación, a que marca precisamente o Vila-Real, cando restan nove xornadas para o remate da tempada.