Aspas xa está na cimeira do santuario celeste

Aspas xa está na cimeira do santuario celeste
Gudelj e Aspas [Foto: CeltaVigo.net]
Gudelj e Aspas [Foto: CeltaVigo.net]  

3 goles ao Sevilla. Segundo hat trick da temporada. 19 goles no que vai de curso. Os ollos postos no mundial de Rusia. O acelerón de Iago Aspas nesta liga levouno a desprazar da cimeira do santuario celeste todo un icone celeste, Vado Gudelj.


114 goles en partidos oficiais co Celta. Unha enormidade. Récord histórico. Quen o logra é un futebolista da casa. Iago Aspas (Moaña, 1987). Co seu hat trick deste sábado perante o Sevilla -perante unha das escadras máis potentes do campionato- Aspas supera por un tanto toda unha lenda celeste e actual delegado da equipa viguesa, Vlado Gudelj (Trebinje -actual Bosnia Hercegovina-, 1966), aínda que fica relativamente lonxe dos máximos realizadores de todos os tempos do Celta, os míticos Moncho Polo, Manuel Copena, Rogelio Tapia e Hermidita (con 169, 166, 119 e 119, respectivamente). 

 

O Celta ten Iago Aspas e iso foi máis que de abondo para derrotar o Sevilla (4-0) e voltar a acreditar nas súas opcións europeias. Mais o Celta non é só Iago Aspas. Este sábado foi tamén Sergio Álvarez (Catoira, 1986). Providencial en varios disparos a gol do Sevilla. E o Celta foi tamén Hugo Mallo, Jonny e Brais Fernández, a nova xoia da Madroa. Cinco futebolistas da canteira na equipa titular, a amosar o potencial do fútebol galego na que é talvez a mellor liga do planeta.

 

Gozou a parroquia de Balaídos, cun Aspas que desta volta -perante a ausencia de Maxi- asumiu o rol de punta de lanza, ás súas costas un Brais Méndez que tamén vai para futebolista de escándalo. Xa na madureza da súa carreira, Aspas está a mostrar a súa enorme versatilidade. Tanto marca -con goles dunha calidade exquisita- como asiste. Coñece todos os códigos da linguaxe dun punta. Brais ten ben en quen fixarse.

 

Celta: Sergio, Hugo Mallo, Sergi Gómez, Roncaglia, Jonny (Cabral, min.76), Lobotka, Wass (Radoja, min.74), Pablo Hernández (Boyé, min.82), Brais Méndez, Sisto, Iago Aspas.

Sevilla: Soria, Layún, Kjaer (Lenglet, min.39), Carriço, Guilherme, N’Zonzi, Pizarro (Vázquez, min.59), Sarabia, Banega, Sandro, Ben Yedder.

Goles: Arana (1-0, min.38, en p.p.); Iago Aspas (2-0, min.57); Iago Aspas (3-0, min.61); Iago Aspas (4-0, min.78).

Árbitro: Álvarez Izquierdo, do comité catalán. Cartóns a Jonny (Celta); Pizarro, Banega (Sevilla).

Campo: Balaídos, 16.919 espectadoras/es.

 

 



x