A billarda busca as súas mil primaveras máis

A billarda busca as súas mil primaveras máis
Delegación da LNB que se reuniu cos grupos parlamentares.
Delegación da LNB que se reuniu cos grupos parlamentares.  

A billarda ou estornela quer que se lle recoñeza como modalidade deportiva, unha vía coa que protexer, fomentar e mesmo modernizar a práctica do que naceu como xogo popular que só desde 2005 moveu máis de 5.000 participantes. Unha delegación da Liga Nacional da Billarda (LNB) reuniuse cos grupos parlamentares para trasladarlles esta demanda.


A billarda procura o seu recoñecemento como modalidade deportiva. Algo do que carece hoxe en día e que dificulta o fomento e pervivencia do que naceu como un xogo tradicional que se practicaba por toda Galiza. Representantes das tres confederacións que integran a Liga Nacional da Billarda (LNB) desprazáronse até Compostela para trasladar aos grupos parlamentarios esa demanda: que se lles considere deporte. Unha petición da que tomaron nota En Marea, PSdeG e BNG; o PP escusou a súa presenza mais fixa aberto a unha nova xutanza.

“O recoñecemento  como deporte é moi importante”, explica Xan Rodiño, da LNB, porque garantiría “a pervivencia” desta práctica a permitiría a súa extensión. “Se a Liga Nacional da Billarda desaparece, desaparecería a billarda”, asegura, para ilustrar o esforzo e vontade que mantén vivo este xogo popular.

BILLARDA

Na actualidade son asociacións e colectivos os que dan vida á billarda ou estornela. Non é deporte así que non poden acceder a apoios e axudas para material, desprazamentos, ter instalacións propias e acaídas. De ser recoñecidos como modalidade deportiva poderían acceder a esas facilidades e tamén poder introducirse en colexios, garantindo así un coñecemento deste deporte que crease canteira. “Actualmente a idade en moitos participantes é moi alta e non hai relevo”, lamentan desde a Liga. “Entre 14 e 30 anos case que non hai practicantes”.

Actualmente hai 19 equipos e case 400 persoas participando na LNB, unha competición que chegou a sumar 40 equipas. Desde o 2005, ano no que botou a andar, máis de 5.000 persoas xogaron á billarda, calculan.

“Co recoñecemento como modalidade deportiva protexeríase e fomentaríase”, consideran. Apontan como en territorios como Catalunya o Canarias están avanzando en fórmulas para preservar e fimentar a práctica desta modalidade. Rodiño pon como exemplo Eslovenia: “Alí chámase pandolo e é oficial, alí destacan moito a importancia de que se considerase un deporte para garantir a súa pervivencia”.

Trátase, resumen, de dotar a billarda dunha base que permita que se practique con regularidade, “tamén que se modernice”. Desde a LNB destacan que a billarda “engancha, a xente que xoga a ela gústalle moito e os que proban, repiten”. Por iso queren mil primaveras máis para a billarda.



x