Bretaña e Arxentina, primeiros rivais da selección galega no Mundial de Fútbol Gaélico de Irlanda

Bretaña e Arxentina, primeiros rivais da selección galega no Mundial de Fútbol Gaélico de Irlanda

A selección feminina e masculina debutarán a segunda feira, 29 de xullo, en Waterford.


A selección galega de fútbol gaélico debutará no Mundial de Irlanda contra dous vellos coñecidos: Bretaña, no caso da selección feminina, e Arxentina, na masculina. Ambos os dous encontros terán lugar a segunda feira 29 de xullo. No Mundial – que decorre do 28 de xullo ao 2 de agosto- toman parte 85 equipos de diferentes partes do mundo.

A selección galega feminina enfrontouse a Bretaña no campionato de Europa do ano pasado e nun amistoso no marco do Festival de An Orient.  Arxentina foi a equipa que derrotou a selección galega masculina na final do Mundial de Abu Dhabi en 2015.

A selección galega masculina enfrontarase a outros 24 equipos onde destacan algúns tan fortes como Nova York, San Francisco, Francia, Canadá, Australia, Bretaña ou Arxentina. No feminino competirán 17 seleccións, destacando tamén as estadounidenses, Canadá, Rusia ou Francia, entre outras. O torneo estruturarase nunha primeira parte de liguiña onde os primeiros clasificados accederán logo á loita polo título mentres os demais pasarán a competir nas fases “Plate” e “Shield”. Nos próximos días sortearanse os grupos.

En 2015 a Gaelic Athletic Association (GAA) creou os xogos mundiais, que nesta terceira edición reúnen 85 equipos e máis de 1.200 xogadores e xogadoras de todas as partes do mundo. O evento acollerá unha fase “Irish” na que só xogan irlandeses que viven fóra de Irlanda e outra “Native” na que compite Galiza e outras seleccións formadas por deportistas non irlandeses.