Cabo de Cruz voa sobre as augas de Hondarribia

Cabo de Cruz voa sobre as augas de Hondarribia
A equipa de Cabo de Cruz celebra a vitoria en Hondarribia.
A equipa de Cabo de Cruz celebra a vitoria en Hondarribia.  

Catorce anos despois, a traiñeira boirense gaña no mesmo campo de regatas a súa segunda bandeira na liga ACT


O pasado domingo, a traiñeira de Cabo de Cruz conquistaba a bandeira de Hondarribia na liga ACT. O clube galego dá un golpe sobre a mesa e asegura a súa praza na elite do remo estatal cunha vitoria que non rexistraba desde había 14 anos, no mesmo campo de regatas. En declaracións a Sermos Galiza, o adestrador da equipa, Benigno Silva, valora o resultado como unha “recompensa” por todo o traballo feito e unha “alegría” para a afección.

“Saímos moi ben, con boas sensacións no barco, collemos cabeza desde un principio e desde aí fomos metendo segundos”, conta Silva. Logo de tres primeiros largos no que os boirenses dominaron a quenda de xeito cómodo, o técnico axexou na terceira ceaboga un potencial primeiro posto. “Díxenlle a Alfonso –Díaz–, o patrón, que os apertara até o límite porque iamos moi ben, xa levabamos 25 ou 30 segundos de vantaxe e iso é unha barbaridade de tempo”, relata.

A traíña de Cabo cruzou a liña de meta cun rexistro exacto de 19:45,86. Na quenda de honra, as catro equipas non foron quen de superar a marca dos galegos. A embarcación de Urdaibai, equipa líder na táboa de clasificación xeral, ficou a tan só doce centésimas –19:45,98– de igualar o conxunto boirense, quen nesta cita aplicaba mudanzas nos remos.

“Había dous obxectivos na tempada: manterse na zona media da Liga e asegurar a clasificación na Concha. O primeiro está cumprido”, destaca Silva. O técnico de Cabo celebra a vitoria en augas vascas como “un punto de moral, é unha alegría que recompensa todos os quilómetros que facemos, foi moi emocionante para eles, para min e para a afección”, recoñece. Do conxunto orixinal que acadara a bandeira no ano 2004, só fican na equipa el e catro remeiros, un dos cales ficou en terra nesta cita.

Cita galega o 25 e 26

De cara ás próximas regatas, o calendario da Liga contempla parada en augas galegas para a fin de semana do 25 e 26 de agosto, nos portos de Moaña e Cabo de Cruz, respectivamente. Silva amósase prudente a respecto de novas vitorias, aínda que admite que a equipa se atopa “nunha plataforma moi boa, tanto a nivel físico, como mental ou moral” de cara ao resto da tempada e á clasificación da Concha, prioritaria para o clube.

“Vai ser complicado. Por desexar, desexámolo mais hai que ter os pés na terra”, recorda. A elite do remo estatal sobe cada ano o seu nivel competitivo, e ambas equipas galegas –Tirán e Cabo de Cruz– loitan diariamente para manter a súa posición. “Hai moito nivel, hai seis equipas top, logo dúas que estamos no medio, e despois as dúas e tres de abaixo que están máis frouxas. Unha equipa galega ten que garantir os esforzos e axudas persoais para estar nun nivel medio, senón é unha loucura e un sufrimento", explica Silva. Polo de agora, Cabo de Cruz foca esforzos na vindeira bandeira de Zarauza, que terá lugar esta fin de semana. Porén, "esta vitoria é un espaldarazo ao traballo que xera confianza e carga as pilas para seguir pelexando a loita diaria, e iso é importante”, conclúe o técnico boirense.