Cabo e Mecos conquistan o campionato galego de traiñeiras

Cabo e Mecos conquistan o campionato galego de traiñeiras

Os de Boiro acumulan xa nove títulos nesta competición. Ares e Meira completaron o podio. Na categoría feminina, Mecos foi quen ergueu a bandeira.


Poucas sorpresas no campionato galego de traiñeiras que tivo lugar en augas arousás no Día da Patria Galega. Os de Cabo de Cruz, a única representante galega que fica na elite do remo en banco fixo – a ACT- foi quen ergueu a bandeira, co engadido de que esta vez fíxoo en casa, ante a súa afección.

A traiñeira de Cabo marcou un tempo de 20:53:33, sacando 7 segundos aos segundos clasificados, Ares, e 10 aos terceiros, Samertolameu de Meira. Nesta categoría competiron 16 embarcacións. Tirán foi cuarta, seguida de Mecos, Vilaxoán, Bueu, Rianxo, Esteirana, Coruxo, A Cabana, Cesantes, Muros, Chapela, Vila de Cangas e Mugardos

No campionato feminino a vitoria foi para as vogadoras de Mecos (tempo de 26:07:94), que se impuxeron ás outras 8 embarcacións que competiron nesta categoría. O podio completárono Ribeira e Cabo de Cruz. A seguir: Tirán, Perillo, Mugardos, Chapela.