Carabullo, Campo da Feira e Corredoiras lideran as tres conferencias da Liga Nacional de Billarda

Carabullo, Campo da Feira e Corredoiras lideran as tres conferencias da Liga Nacional de Billarda
billarda o varal
billarda o varal  

A Conferencia Norleste disputou a súa quinta xornada mentres que Noroeste e Rías Baixas xogaron a décima.


A billarda ou estornela mantén o pulo no seu proceso de recuperación, un proceso no que a LNB (Liga Nacional de Billarda) ten un papel chave e fundamental. Unha vintena de equipas disputan este deporte tradicional entre as tres conferencias que compoñen a Liga.

Na Conferencia Norleste Carabullo lidera a clasificación de 8 equipas. Os de Ponte de Outeiro suman 389 puntos por 377 que teñen os segundos clasificados, Billardeiros Musicais (Ribadeo). Troitas Bravas, da Pontenova, son terceiros e a táboa complétana Chaínzos-Cadaval (Outeiro de Rei), Remourelle Bulls (Remourelle), Billarda Verde (Castroverde) e Polka Miseria (Pol). A individual absoluta lidéraa en categoría masculina Albino (Carabullo) con 105 puntos e en feminina, Paula (Chaínzos-Cadaval) con 82.

A Conferencia Noroeste disputou a súa décima xornada. A táboa clasificatoria ten de líder a Campo da Feira, de Paiosaco, con 751 puntos; seguidos de APB Santa Marta (Laracha) con 567; Malpica-Cochiqueiros (Malpica- Cerceda) e Filloas de Sangue (A Coruña). Collazo (Campo da feira) é primeiro na clasificación de individual masculino e Merche (APB santa Marta) en feminino.

Por último, na Conferencia Rías Baixas tamén se xogou a décima xornada. Juanma (Lúa de forza) lidera a clasificación de billarda nesta conferencia en individual absoluto masculino mentres que na categoría feminina ese posto é para Adriana (Valpaços Terra Quente).

No que respecta aos equipos, nas Rías Baixas o líder é Corredoiras (Bueu) con 795 puntos. Síguelle Lúa de Forza (Sanxenxo), con 768. E a seguir: Gharaboto (Marín), Armadiña (Poio), Rinoceronte (Pontevedra), Valpaços Terra Quente (Vigo), Laxe de Rons (O Grove) e Andarela (Meaño).



x