Cargas e detencións da policía española en Ponferrada contra afeccionados do Dépor

Cargas e detencións da policía española en Ponferrada contra afeccionados do Dépor
Afección do Depor en Toralín. Foto: Superhincha
Afección do Depor en Toralín. Foto: Superhincha  

Dous detidos, varios feridos, seareiros deportivistas identificados e sob ameaza de sancións económicas... estes son algúns dos resultados das cargas dos antidisturbios contra seareiros do Deportivo ao final do encontro en Ponferrada entre a equipa coruñesa e a berciana. 


Milleiros de deportivistas viaxaron este domingo até Ponferrada para apoiar ao seu equipo no partido que tiña no estadio de El Toralín. Unha maré branqui-azul que se deixou ver e notar na cidade do Bierzo, sen que en ningún momento houbese problemas ou incidentes cos afeccionados locais. “Mais ben ao contrario”, aseguran afeccionados deportivistas que asistiron a este encontro.

Tampouco o partido, con vitoria do Deportivo que sitúa os coruñeses líderes en Segunda, foi tenso ou violento, nin no campo de xogo nin tampouco nas bancadas.

"Non cargaron contra violentos. Que non vendan iso. Pegáronlle a todo o que atoparon por diante"

Por iso, aos seareiros do Depor resúltalles inexplicábel as cargas das que foron obxecto finalizado o partido por parte dos antidisturbios da policía española. Segundo testemuñas presenciais “golpeaban coa porra como posesos a quen se lle puña por diante” e non discriminaban nin por sexo nin por idade: “dábanlle a todos”. Mesmo, afirma, como produto das cargas policías “houbo quen caeu polas escaleiras e quedou todo magullado, pero a eles tanto lle tiñan, seguían a aporrear a todos”.

"Entre varios policías mallaron nun mozo que estaba no chan"

Tamén houbo detidos, polo menos dúas persoas segundo diversas fontes, e varios identificados. “O temor é que agora a aqueles que identificaron lles empecen a chegar multas por calquera cousa que os policías lle queiran colgar”. A un afeccionado a policía chegou a amezarlle cunha multa de 3.000 euros en aplicación da Lei contra a violencia no deporte.

A que respondeu a carga?

Sempre segundo relatan algunhas testemuñas presentes no estadio ponferradino, o inicio da carga estaría no intento duns pouco afeccionados deportivistas de, unha vez rematado o partido, saltar ao campo para celebrar a vitoria do seu equipo. "E a policía perdeu os estribos e cargou contra todo o que se lle puña por diante".