O Celta arrinca un punto en San Mamés

O Celta arrinca un punto en San Mamés
Imaxe do partido entre o Athletic de Bilbo e o Celta. Foto: Athletic.
Imaxe do partido entre o Athletic de Bilbo e o Celta. Foto: Athletic.  

O canteirán Brais Méndez salvou os mobles do Celta en San Mamés. Un gol no desconto equilibrou o marcador dun partido repartido de maneira desigual: o primeiro tempo e parte do segundo para os vascos, o tramo final para os galegos.
 


O Athletic iniciou o encontro cun claro dominio, mesmo con claras oportunidades de gol. Unha boa presada de disparos a porta marcaron a primeira parte. O Celta, desdebuxado e sen apenas imaxinación, non xerou perigo ningún.

Por volta do descanso, as cousas non semellaban mudar. E contra o minuto 55, Unai Núñez recolleu un rexeitamento despois de que Raúl García batese no poste e adiantou así aos de Bilbo. O partido, cun Celta carente de músculo, parecía non ter marcha atrás.

Mais co gol de Núñez, o Athletic relaxou as defensas. Os galegos fixeron algúns trocos -entraron Piano Sixto e Tucu Hernández- e no último cuarto do encontro viraron as tornas. E no minuto 91, Brais Méndez empatou o partido.

Aínda tivo ocasión o Celta de executar a remontada nos seguintes tres minutos. Hugo Mallo a piques estivo de marcar -evitouno unha gran parada de Kepa- e a Tucu Hernández anuláronlle un gol na derradeira xogada. Era claro fóra de xogo.


Athletic: Kepa; De Marcos, Núñez, Iñigo Martínez, Balenziaga (Lekue, min.77); San José, Iturraspe; Susaeta, Raúl García (Beñat, min. 77), Córdoba (Aduriz, min. 70); e Williams.


Celta: Sergio; Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny; Lobotka, Wass (Tucu Hernández, min. 61), Radoja (Méndez, min. 72); Iago Aspas, Maxi Gómez e Boyé (Sisto, min. 61).


Goles: 1-0: min. 55; Unai Núñez. 1-1: min. 91, Méndez.
Árbitro: Del Cerro Grande (Comité Madrileño). Amoestou Maxi Gómez, Williams, Iñigo Martínez e Núñez.

Incidencias: 33.657 espectadores en San Mamés.



x