O Celta entra na outra Liga

O Celta entra na outra Liga
Foto: La Liga
Foto: La Liga  

Cae en casa fronte ao Valencia (1-2) e encaixa a cuarta derrota consecutiva. Apupos en Balaídos.


Iniciar a tempada aspirando a postos europeos e verse hoxe cun pé nos de descenso (se o Rayo derrota este domingo a Real Sociedad) pon a proba o Celta como equipo, como club e como afección. Mentalizarse para combater na outra Liga, na que se xoga pola zona baixa da táboa, non é doado mais non queda outra, polo menos polo de agora. O Celta encaixou este sábado contra o Valencia a súa cuarta derrota consecutiva. Unha derrota que doe máis por ser unha remontada valencianista e ter lugar en Balaídos.

O Celta, cunha artillería arriba das de meter respecto, mesmo coa ausencia de Iago Aspas, ten unha defensa de manteiga. Contra o Valencia volveu rinchar esa liña do equipo. O mesmo Celta que supera en goles marcados no que vai de tempada a equipas como Real Madrid ou Atlético non sabe defender.

O partido comezou cun toma e daca entre galegos e valenciáns. Probándose e tanteándose. Xogaba Roncaglia por primeira vez con Cardoso, un adestrador que sentou Fran Beltrán e apostou en tres medios centros detrás de Maxi. A medida que avanzaba a primeria parte o Celta ía achegándose cada vez máis á área valencianista. Os 'chés', pola súa banda, non perdían a posición e ameazaban a portería celeste. A actuación de Rubén ao longo do encontro oi fundamental para evitar unha derrota maior. Porén, o Celta marchou para o descanso cun gol de vantaxe, obra de Araújo no minuto 39 ao saque dun corner.


A segunda parte contemplou un Celta á defensiva, temeroso. Só tirou unha vez a porta. O Valencia foi dominando a pelota e avanzando, tecendo aos poucos unha estratexia para aproveitar as costuras mal cosidas no equipo celeste para intentar marcar. E logouno: Ferrán no minuto 71. Ao Celta treméronlle entón as pernas, non foi quen de reaccionar e chegou o segundo gol valencianista.

Cardoso xa suma peores resultados que Antonio Mohamed e hai inquedanza na parroquia celtista perante un Celta no que, actualmente, gran parte dos xogadores parecen ser peor do que son. A ausencia de Iago Aspas estase a facer moi longa.


Ficha técnica:

Celta (1): Rubén; Hugo Mallo, Roncaglia, Araujo, Juncà; Lobotka (Beltrán, min 88), Jozabed; Boufal (Emre, min 70), Brais, Sisto (Hjulsager, min 81) e Maxi Gómez.

Valencia (2): Neto; Piccini, Garay, Gabriel, Gayà; Carlos Soler (Ferrán, min 60), Parejo, Coquelin (Wass, min 78), Cheryshev (Gameiro, min 60); Santi Mina e Rodrigo.

Goles: 1-0 Araujo, min 39; 1-1 Ferrán, min 71; 1-2 Rodrigo, min 83.

Árbitro: González González. Amoestou Jozabed, Brais Méndez, Hugo Mallo e Roncaglia (RC Celta) e Soler, Paulista e Ferrán (Valencia CF)

Incidencias: Iago Aspas recibiu antes do encontro o premio Manuel de Castro.