O Celta estrea a Liga con táboas no marcador

O Celta estrea a Liga con táboas no marcador
[Imaxe: RCCV] Hugo Mallo, do Celta, ao inicio do partido
[Imaxe: RCCV] Hugo Mallo, do Celta, ao inicio do partido  

Os vigueses abriron a era de Antonio Mohamed en Balaídos cun empate perante o Espanyol (1-1) nun partido escaso de ocasións de gol.


Control do balón na zona de creación, posesión, liña de presión no campo rival… estas foron as principais características do xogo do Celta na estrea ligueira. Unha posta en escena prometida por Antonio Mohamed que non deu os froitos desexados. O dominio só se plasmou cun tiro afastado de Hugo Mallo e outro desviado de Brais.

O Celta foi de menos a máis. Os primeiros vinte minutos foron de dominio do balón, aínda que sen apenas ocasións. Porén, chegado o descanso, e unha vez que os de Mohamed perderon forza, o Espanyol púxose por diante grazas ao remate de Hermoso nun córner logo dun fallo de marcaxe de Júnior Alonso.

No segundo tempo, os vigueses víronse desafogados após o gol en propia porta de David López. O partido abriuse co empate e o Celta experimentou un lixeiro dominio. A maior oportunidade chegoulles aos locais despois dun bo pase de Aspas a Emre Mor na área de Diego López, que detivo sen dificultade.

O Espanyol animouse nos estertores do encontro cun gran disparo de Sergio García que logrou sacar o Gato de Catoira e un remate alto de Puado. Dúas oportunidades que, xunto a un tiro de falta de Maxi Gómez, deron fin ao partido de Balaídos no debut de Antonio Mohamed.

RC CELTA: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Araujo, Júnior Alonso, Lobotka, Beltrán, Brais Méndez (Boufal, min.77), Iago Aspas, Pione Sisto (Emre Mor, min.52), Maxi Gómez (Dennis, min.91).

ESPANYOL: Diego López, Víctor Sánchez, Borja Iglesias (Sergio García, min.70), Darder, Baptistao (Hernán Pérez, min.70), Didac, David López, Javi López, Piatti (Puado, min.81), Roca, Hermoso.

Árbitro: Jaime Latre, do comité aragonés. Amoestou Iago Aspas, Brais Méndez, Júnior Alonso (Celta); Didac, Roca (Espanyol).

Goles: Hermoso (0-1, min.45); David López (1-1, p.p., min.51).

Campo: ABANCA Balaídos. 16.215 espectadores.