Un Celta indolente afástase de Europa ao empatar co Málaga (0-0)

Un Celta indolente afástase de Europa ao empatar co Málaga (0-0)
Ana Peleteiro realizou o saque de honra no Celta-Málaga.
Imaxe: RC Celta
Ana Peleteiro realizou o saque de honra no Celta-Málaga. Imaxe: RC Celta  

Os celestes tiraron una hora pola borda e acordaron tarde e mal que querían aspirar a postos europeos. Balaídos homenaxeou a atleta galega Ana Peleteiro, encargada de facer o saque de honra.

 


O Celta non puido, en casa, co pechacancelas. Empate a cero en Balaídos nun partido monótono e no que, durante boa parte do encontro, o Málaga foi superior. Os andaluces nada tiñan en xogo, pensando xa na vindeira tempada en Segunda División; e os celestes semellaba que non aspiraban a desputar prazas para Europa.

Durante una hora o Celta facía como que non estaba. Non había ansia nin ideas claras. Ao Málaga abondoulle unha leve prisión alta para confundir e incomodar os celestes, que non souberon xogar. Espabilou o Celta na recta final do partido,  con Maxi e Aspas contando con ocasións mais sen fortuna. Especialmente o de Moaña, que no minuto 81 errou, a porta baleira, un remate propiciado por un pase de Maxi Gómez.

Os celestes ficaron cun punto e non foron quen de derrotar o Málaga nos dous encontros desta Liga. Europa afástase mais Unzúe, tras o partido, non quixo dar ningunha imaxe derrotista: “Aínda fican puntos para lograr o obxectivo”.

Ana Peleteiro

O Celta e o celtismo renderon homenaxe á atleta galega Ana Peleteiro antes do inicio do encontro. Balaídos ofreceu unha gran ovación á medallista de bronce na modalidade de triplo salto nos mundiais de pista cuberta realizados en Birmingham. Peleteiro, celtista confesa desde a súa infancia, recibiu unha camiseta asinada polo equipo e realizou o saque de honra.

Ficha técnica:

Celta (0): Sergio, Hugo Mallo, Sergi Gómez, Roncaglia, Jonny, Lobotka, Pablo Hernández, Brais Méndez (Radoja, min.67), Iago Aspas, Sisto (Boyé, min.67), Maxi Gómez.

Málaga (0): Roberto, Rosales, Luis Hernández, Ignasi Miquel, M. Torres. Iturra, Lacen (Recio, min.79), Chory (Lestienne, min.74), Isaac Success (Keko, min.68), D. Rolan, En-Nesyri.

Árbitro: Undiano Mallenco, do comité navarro. Amoestou Iago Aspas, Hugo Mallo, Jonny (Celta); Rosales, Torres (Málaga).



x