O Celta non acertou coa portería, o Atlético si

O Celta non acertou coa portería, o Atlético si
Un lance do xogo
Un lance do xogo  

O 3-0 do taboleiro de marcas non dá noticia do que aconteceu sobre o verde. Foi un partido moito máis axustado, de ida e volta, con moitas alternativas. A diferenza estivo na definición. E o árbitro, casualmente, sempre se equivocou a favor dos donos do campo.


Se vas a un estadio como o Wanda tes que garantir un mínimo de acerto perante Oblak. Non é o Atlético a equipa menos goleada do campionato por casualidade. O combo de Simeone é un campo inzado de minas para o rival. O porteiro é un gardamallas superlativo. Así as cousas, ou afinas a puntería ou estás morto neste estadio. O Celta non estivo moi alá nos tiros a porta e por aí se lle foi o partido.

Tiremos, porén, unha conclusión positiva: é moi pouco frecuente que a freguesía colchoneira vexa Oblak tan en risco como na tarde deste domingo. O Celta sempre tivo as súas opcións no partido. E se non acabou de facerlle algo de dano aos locais en parte foi tamén polo factor arbitral. O referee cometeu dous erros desequilibrantes. O primeiro, na acción previa ao sensacional gol de Greezman. Houbo falta non sinalada ao Tucu. O segundo, co mesmo Tucu como protagonista. Un penalti claro na área local. O colexiado tampouco pitou aí nada.

En todo caso, un 3-0 é un 3-0, os pontos -mediación arbitral á marxe- ficaron no Wanda con xustiza. Son de impresión os dianteiros atléticos. Impresiona a verdade a equipa armada por Simeone. Face ela o Celta non deu má imaxe. Quedémonos con iso.

Atlético de Madrid: Oblak, Vrsaljko, Giménez, Godín, Lucas, Gabi, Saúl, Koke, Vitolo, Griezmann (Gameiro, min.69) e Diego Costa (Torres, min.79).

RC Celta: Rubén Blanco, Hugo Mallo, Roncaglia, Sergi Gómez (Cabral, min.75), Jonny, Lobotka, Radoja (Brais, min.66), Tucu Hernández, Iago Aspas (Boyé, min.72), Emre Mor e Maxi Gómez.

Goles: 1-0, min.45: Griezmann; 2-0, min.58: Vitolo; 3-0, min.63: Correa.

Árbitro: Arbeloa Rojas, do comité de Castela A Mancha. Cartóns para Saúl e Iago Aspas.



x