OCUPA O 7º POSTO NA TÁBOA

O Celta non pasa do empate fronte a un Sevilla con dez

O Celta non pasa do empate fronte a un Sevilla con dez
[Imaxe: RCCV]
[Imaxe: RCCV]  

Aínda que o Celta saíu ao campo con ánimo de resarcirse da derrota do partido de Copa da quinta feira fronte ao Sevilla, non foi quen de impoñerse fronte aos de Emery, que xogaron con dez durante máis de 60 minutos.


O Celta dominou o encontro desde o primeiro minuto, coa posesión do esférico mais sen crear xogadas de perigo. Esa superioridade tamén foi numérica desde o minuto 24, cando Fazio viu a segunda tarxeta amarela por unha dura entrada a Pablo Hernández.

Lonxe de se afundir, o Sevilla fixo todo o posíbel por non fecharse atrás.  Ese empuxe provocou o primeiro gol, obra dos visitantes. Llorente remataba un córner e, após un rexeite de Beauve, era Carriço quen adiantaba o marcador para os hispalenses. Corría o minuto 42.

O Celta saíu dos vestiarios con forza e intentos por buscar o gol. A ocasión máis clara viña das botas de Beauve, que enviou por riba do pau un remate desde a área pequena. A presión do Celta deu os seus froitos no minuto 63 grazas ao propio xogador francés, que após unha asistencia de Wass introduciu o balón na rede. A partir de entón, o Sevilla fechouse na súa área e os vigueses trataron, sen éxito, de ficar cos tres puntos da vitoria.

RC Celta: Sergio, Jonny (Marcelo Díaz, min.61), Cabral, Sergi Gómez, Planas, Radoja (Guidetti, min.61), Wass, Pablo Hernández, Beauvue, Bongonda e Iago Aspas

Sevilla FC: Sergio Rico, Carriço, Ramí, Fazio, Ferreira, Escudero, N´Zonzi, Krohn-Dheli, Reyes (Banega, min.63), Konoplyanka (Vitolo, min.57) e Llorente (Gameiro, min.68)

Goles: 0-1, min.43: Carriço; 1-1, min.64: Beauvue

Árbitro: Velasco Carballo, do comité madrileño. Expulsou con dupla amarela Fazio (min.24) e amoestou Sergi Gómez, Iago Aspas, Bongonda, Konoplyanka, Escudero e Sergio Rico.