O Celta pon os ollos en Europa

O Celta pon os ollos en Europa
Imaxe de La Liga
Imaxe de La Liga  

Os celestes remontaron en Anoeta (1-2) e, con 28 puntos, sitúanse a 4 de postos europeos. 


O Celta pon os ollos en Europa. Os celestes remontaron en Anoeta un partido que se presentaba como complicado e os 3 puntos sitúanos agora na sétima posición, a 4 das prazas europeas. O Celta está a gozar dun bo momento, acumulando tres vitorias e un empate nos últimos catro partidos. O Celta gañou en consistencia e aos poucos vai tecendo un fútbol no que o seu gosto polo balón non está reñido con saber ser práctico.

En Anoeta enfrontábanse dous equipos xemelgos en non poucos aspectos: Real Sociedade e Celta gostan de ter o balón, de combinar, sofren cando a pelota está no poder dos outros. Os txuri-urdin chegaban a esta cita exixidos, cun Eusebio cuestionado, os leves apupos dunha parte da afección realista ao inicio do encontro daban idea de que as augas non están de todo calmas na casa donostiarra. A Erreala continúa sen coñecer a vitoria no que vai de 2018

Porén, o encontro non empezou mal para a Real, que no minuto 9 adiantábase cando Willian José mandaba ao fondo da rede un centro desde a dereita do incombustíbel Xabi Prieto. Non tiveron os donostiarras moito tempo para paladear o gol. No minuto 20 un claro penalti por man de Juanmi daba a Iago Aspas a oportunidade de empatar. E non errou. O de Moaña, con 12 goles na Liga, figura só detrás de Messi e Luis Suárez no Pichichi.

O primeiro tempo foi de oportunidades para ambas as dúas equipas, con alternativas. A Real puido volver adiantarase grazas a un penalti mais Willian José marrou: a bola foi ao traveseiro. Na segunda metade os donostiarras saíron con forza, dispostos a que os 3 puntos ficasen en Anoeta. Durante 20 minutos o partido xogouse no campo do Celta mais a Real non foi quen de furar a defensa céltica, que resistiu o asedio para tomar o mando na segunda metade da segunda parte. No minuto 74 Maxi Gómez rematou á rede un córner tirado por Wass. Tres puntos a bordo e proa a Europa.

Ficha técnica

Real Sociedad (1): Rulli; Odriozola, Llorente, Raúl Navas, Kevin Rodrigues, Xabi Prieto (Aguirretxe, min.81), Zubeldia, Illarramendi, Canales (Oyardabal, min.61), Willian José e Juanmi (Januzak, min.69).

 Celta (2): Rubén, Hugo Mallo, Roncaglia, Sergi Gómez, Jonny, Lobotka, Jozabed (Radoja, min.67), Wass, Iago Aspas, Pione Sisto (Brais, min.79) e Maxi Gómez (Cabral min.89).

Goles: 1-0, min.10: Willian José; 1-1, min.20: Iago Aspas,de penalti; 1-2, min.75: Maxi Gómez.

Árbitro: Mateu Lahoz, do comité valenciano. Amoestou Jozabed, Lobotka, Zubeldia.



x