Cristóbal inclínase por deixar Çolak fóra da convocatoria ante o Levante

Cristóbal inclínase por deixar Çolak fóra da convocatoria ante o Levante
Çolak adestra á marxe do grupo [Foto: RadioCoruña]
Çolak adestra á marxe do grupo [Foto: RadioCoruña]  

Non lle vai saír debalde ao turco a expulsión do treinamento da pasada terza feira. Esta cuarta adestrou á marxe do grupo.


Çolak non é calquera futebolista, moito menos en Riazor. Do plantel actual é realmente o único con potencia criativa na medular, coa faculdade de filtrar bolas ás costas da defensa rival, a procurar a conexión con Andone e Lucas. A equipa está nun momento de urxencia extrema e a visita do Levante ten ribetes de ultimato. De acordo, mais o que valora neste momento Cristóbal Parralo -aparentemente co apoio dos despachos da Praza de Pontevedra- é que deixar impune á indisciplina -reiterada, non é este o primeiro incidente en que se ve envolvido o ex do Galatasaray- sería tanto como cavar aínda máis no foxo en que está sumido o combo coruñés.

Conclusión: imponse tomar medidas cun futebolista con sona de indolente e de conflitivo. A primeira xa foi hoxe, adestrou á marxe do grupo. A segunda pode chegar coa súa exclusión da convocatoria para o choque de Levante (así o indicaría o precedente do incidente anterior, protagonizado por Andone e Arribas). Pode ficar aí a cousa, a non ser que o Dépor aproveite o mercado de inverno para o colocar nalgunha operación que permita traer a Coruña un futebolista de características diametralmente opostas ás do turco. Alguén sen tan bon pé, mais que sexa quen de blindar o sistema defensivo dunha equipa que leva encaixado 44 goles en  20 partidos (2,2 tantos por xogo). Ese medio centro de contención polo que suspira Cristóbal.