Demasiado castigo para o Lugo

Demasiado castigo para o Lugo
Un lance do choque
Un lance do choque  

Un grande gol de Borja Galán decidiu o Lugo-Alcorcón no Anxo Carro. Non se puido estrear con vitoria na súa casa o novo treinador dos albi-vermellos, Alberto Monteagudo. O Lugo puxo máis e mereceu máis.


Non por acaso está o Alcorcón na vangarda do campionato, cunha traxectoria que os convida a soñar co ascenso. É unha equipa compacta, ben pertrechada atrás e con argumentos de consideración arriba. O ex do Dépor Cristóbal Parralo deu armado desde o banco un combo temíbel e moi competitivo.

Fronte a rival tan serio, o novo míster local formulou unha proposta atrevida, con presión moi alta de inicio e ganas de acosar a portería de Jiménez. O choque no primeiro acto foi de continuas acometidas sobre o muro visitante. O Lugo careceu nese treito do xogo de algo máis de precisión no último pase. Tivo algunha opción que outra, sobre todo nunha acción de Campillo conxurada maxistralmente polo gardamallas Jiménez.

A segunda metade comezou da peor maneira para os locais, co excelso gol de Borja Galán. Un par de recortes á beira da área e un dereitazo sutil para bater Juan Carlos. Unha mostra de que o Alcorcón non é só músculo ben organizado.

Co 0-1 no taboleiro de marcas, o Lugo dobrou a aposta ofensiva, cun ataque protagonizado por Dongou, Lazo e Muñiz e Iriome moi activo desde a banda dereita. Choveron unha manchea de balóns sobre a área visitante. Só faltou precisión. E un chisco de fortuna, como no chut de última hora de Seoane repelido polo pau da portería de Lizoain.

Lugo: Juan Carlos; Campabadal (Juan Muñiz, m. 83), Kravets, Vieira, J. Malagón; Seoane, Campillo, Escriche (Dongou, m. 62), Pita; Iriome e Cristian (Lazo, m. 67).

Alcorcón: Jiménez (Lizoain, m. 71); Laure, Bellvís, David Fernández, Elgezábal; Peña, Borja Galán (Mayoral, m. 85), Dorca, Sangalli; Borja Domínguez (Toribio, m. 68) e Juan Muñoz.

Goles: 0-1, m. 48: Borja Galán.

Árbitro: Jorge Figueroa Vázquez. Cartóns a Pita, Campillo e Muñiz do Lugo e a Laure do Alcorcón.

Estadio: Anxo Carro (2.920 espectadoras e espectadores)



x