Denuncian fendas de até cinco centímetros de grosor nunha das gradas de Balaídos

Denuncian fendas de até cinco centímetros de grosor nunha das gradas de Balaídos
[Imaxe: @AlexCostasVila]
[Imaxe: @AlexCostasVila]  

Fendas de até cinco centímetros e anacos desprendidos de formigón ilustran o deterioro da grada de Marcador, no estadio vigués de Abanca Balaídos. Afeccionados do Celta difundiron a través das redes sociais fotografías que dan conta do estado da bancada.


DuachN3WsAA3oJJ“Isto é preocupante”, “Tomen en serio a situación da bancada de Marcador”, “Para que se entenda ben, sobre todo Abel Caballero e o Celta, se isto cae na cabeza de alguén, é un voto e un cliente menos. Hai que arranxar Balaídos dunha maldita vez”, “Esperemos non ter que arrepentirnos algún día”, “Indignación absoluta e moitísima preocupación” foron algún dos chíos que poden lerse en Twitter a respeito do estado en que se atopa a grada de Marcador, no estadio municipal de Abanca Balaídos.

Un seareiro do Celta publicou unha serie de imaxes que dan conta de fendas de até cinco centímetros no formigón da bancada que mesmo deixan ver a bancada inferior. Enseguida xurdiron mensaxes de denuncia nesta rede social, en que houbo alusións ao accidente no Festival do Marisquiño do pasado verán. “Levaba en marcador de socio desde o ano 87. Decidín cambiar de grada hai tres anos por seguridade. A miña e a da miña familia. Aínda que teña que aboar case o duplo. Cada día que vía esa estrutura quitábanseme as ganas de ir ao fútbol. E non che digo cando saltaba a xente”, sinalou un dos afeccionados.

En declaracións a Radio Vigo, preguntado polas denuncias das seareiras e seareiros sobre os desperfectos en Marcador, o alcalde da cidade, Abel Caballo, puxo de manifesto que “este é o resultado de ducias de anos sen que ninguén atendese Balaídos, sen que fixesen mantementos alcaldes anteriores e o clube. O resultado son as gradas que xa coñecemos. Xa se revisaron e non teñen dano profundo”. O rexedor, que leva 11 anos no cargo, sinalou que van acometer “unha reparación de emerxencia para quitar eses deterioros e inmediatamente imos substituír toda a grada. Por iso quero facer todo o campo e estamos dedicando ducias de millóns a Balaídos”, concluíu.

DuaWwKYW0AAOGCUA reforma do estadio municipal de Balaídos comezou polas bancadas de Tribuna e a antiga Preferencia. Fica por demoler e reconstruír a grada de Gol –actuación prevista para 2019– e a transformación conxunta da grada de Marcador e o aparcadoiro con capacidade para mil vehículos –obras previstas para 2020–.

O Celta non logra pasar do empate

As denuncias das afeccionadas e afeccionados intensificáronse na noite da sexta feira 14 de decembro, cando o Celta se enfrontou ao Leganés en Balaídos. Os locais e os visitantes asinaron un empate sen goles, se ben o Celta foi o claro dominador do choque e dispuxo das mellores ocasións de gol.

O partido comezou cun Celta que dominou a pelota con fluidez e aproximouse con soltura á área visitante. Maxi Gómez tivo a primeira ocasión no minuto onte, pouco antes de que Boufal reclamase unha pena máxima que non foi sinalada polo colexiado Munuera Montero. A segunda parte seguiu na mesma tónica. Os vigueses controlaron o partido e dispuxeron das mellores oportunidades. Primeiro Maxi Gómez, de novo, cun testarazo ao pau, e máis tarde Pione Sisto. Tamén Fran Beltrán e Brais Méndez dispuxeron de claras ocasións, mais o marcador ficou en táboas.

RC Celta: Rubén Blanco, Hugo Mallo, David Costas, Araujo, Juncà, Jozabed (Beltrán min.61), Okay, Brais Méndez, Boufal (Sisto min.70), Iago Aspas e Maxi Gómez.

Leganés: Cuellar; Juanfran, Bustinza, Siovas, Omeruo, J. Silva; Vesga, Gumbau; Óscar (Ojeda min.86), En Nesyri (Sabin min.90) e Carrillo (Eraso min.79).

Árbitro: Munuera Montero, do comité andaluz. Amoestou Juncà e Maxi Gómez (RC Celta) e En Nesyri, Vesga e Cuellar (Leganés).



x