O Dépor despídese de Primeira en Riazor con derrota

O Dépor despídese de Primeira en Riazor con derrota
Imaxe: RC Deportivo
Imaxe: RC Deportivo  

Cae na casa perante o Vilareal (2-4)


Estar descendido non é xustificación para acabar o que resta de tempada dando imaxe de desidia e conformismo. Pedíao o adestrador aos xogadores e pedíallo a afección á equipa: os partidos que fican, a morte. Porque aínda que non se xogue nada deles en canto a puntos (o descenso é irreversíbel) si estaba en xogo outras cuestións que no fútbol son cando menos tan importantes como os puntos: defender a camiseta, o club. Dar unha lección de entrega.

Nada diso estivo presente na despedida do Dépor de Riazor por esta tempada. Perdeu (2-4) perante o Vilareal. Os dous goles de Borja Valle na segunda metade non maquillan un partido no que os deportivistas fixeron gala de desidia no campo.

Adiantouse cedo o Vilareal e acabou a primeira parte con tres goles de vantaxe. Foi unha primeira metade que mostrou o peor do Dépor nesta Liga. Unha pobre actuación, tanto en xogo como en compromiso. Na segunda parte, mellorou, mais foi unha mellora máis ben derivada da relaxación do Vilareal. O partido púxose 2-3 cos 2 goles de Valle. Mais para quen estivese acreditando en espellismos de remontada, o Vilareal marcou o cuarto e puxo fin ao partido.

Ficha:

RC Deportivo: Rubén, Juanfran (Mujaid, min. 75), Albentosa, Fernando Navarro, Luisinho, Krohn-Dehli, Guilherme (Bakkali, min. 46), Fede Valverde (Pedro Mosquera, min. 67), Borja Valle, Lucas e Adrián.

Villarreal CF: Sergio Asenjo, Mario Gaspar, Álvaro, Víctor Ruiz, Jaume Costa, Rodrigo, Manu Trigueros (Javi Fuego, min. 87), Samu Castillejo (Cheryshev, min. 73), Raba (Sansone, min. 61), Pablo Fornals e Bacca.

Goles: 0-1 Samu Castillejo (min. 2); 0-2 Manu Trigueros (min. 31); 0-3 Samu Castillejo (min. 45); 1-3 Borja Valle (min. 58); 2-3 Borja Valle (min. 88); 2-4 Cheryshev (min. 90+2).

Árbitro: Hernández Hernández. Cartón amarelo a Guilherme (min. 22), Borja Valle (min. 61) e Albentosa (min. 74).



x