O Dépor enróscase no bucle das derrotas

O Dépor enróscase no bucle das derrotas
Unha acción en ataque do Dépor
Unha acción en ataque do Dépor  

A historia de sempre. Unha equipa que non é quen de competir. Que apenas ten capacidade de resposta cando encaixa gol. O Dépor cedeu tres pontos máis na súa visita a Montilivi. Apenas chutou unha vez a porta con perigo.


Os números de Seedorf son estarrecedores e mostran que a última aposta de Tino Fernández (o presidente xa está no albo da irritada freguesía branquiazul) resultou falida (salvo milagrosa recuperación de última hora). 6 partidos disputados baixo a dirección técnica do treinador holandés, só dous empates colleitados e apenas un gol anotado.

 

A historia de Montilivi foi un déjà vu de calquera das 17 derrotas coas que ten saldado o Deportivo a súa penosa marcha no actual campionato de liga. O Dépor aguantou de pé 21 minutos, o tempo que lle levou ao Girona transformar en gol unha bola parada. A seguir dispuxo dunha oportunidade, a única con perigo real de todo o match, mais Andone non puido converter o 1-1 no taboleiro de marcas. O xogo continuou a correr e en todo momento viuse a un Girona moito máis enchufado do que un Deportivo sen electricidade no corpo. 

 

No segundo acto, máis unha escenificación do mesmo. Resistencia, 12 minutos, o lapso que demorou o Girona en fabricar outra bola parada. Un balón chovido sobre a área do Dépor, tres zagueiros branquaizuis a disputar a pelota, un futebolista do Girona a conquistar o ar de Montilivi e a peitear o coiro. Un pouco o resumo do choque: cando hai disputa da bola, case nunca fica nas botas galegas.

 

O Dépor aguantou de pé 21 minutos, o tempo que lle levou ao Girona transformar en gol unha bola parada

 

6 capítulos esgotados e nen rastro do efeito Seedorf. Non funcionan nen as constantes mudanzas de sistema nen de aliñación. Non se entende a súa teimosía en algunhas apostas (Albentosa? Bóveda?) nen por que coloca futebolistas en espazos do campo en que non poden dar o mellor de si mesmos (de verdade pensa o holandés que Mosquera pode carburar como medio punta?).

 

A resultante final é que fican 10 partidos por diante e o Dépor continúa á beira do encefalograma plano. E, porén, aínda non está desafiuzado. A salvación máis barata do mundo aínda está aí a pouco menos dun paso se a equipa é quen de se erguer.

 

Girona CF: Bounou, Ramalho, Bernardo, Juanpe, Maffeo, Pere Pons, Granell, Mojica, Portu (Lozano, min. 82), Borja García (Aleix García, min. 72) y Stuani (Douglas Luiz, min. 88).

RC Deportivo: Rubén, Bóveda (Juanfran, min. 71), Albentosa (Borja Valle, min. 84), Sidnei, Fernando Navarro, Pedro Mosquera, Muntari (Bakkali, min. 66), Borges, Adrián, Lucas y Andone.

Goles: 1-0 Stuani (min. 21); 2-0 Juanpe (min. 57).

Árbitro: Undiano Mallenco (c. navarro). Cartóns amarelos a Muntari (min. 45), Fernando Navarro (min. 56), Pere Pons (min. 65), Albentosa (min. 77) e Pedro Mosquera (min. 80).

Incidencias: partido da 28ª xornada de LaLiga disputado no Estadio de Montilivi ante 10.663 persoas.



x