O Dépor quixo máis a vitoria do que o Sporting

O Dépor quixo máis a vitoria do que o Sporting
Pablo Marí celebra o gol branquiazul con Pedro Mosquera en segundo plano
Pablo Marí celebra o gol branquiazul con Pedro Mosquera en segundo plano  

Non sempre acontece así, mais desta volta quen puxo máis, conseguiu os tres puntos. Ese foi o Deportivo, decidido a inaugurar o curso en Riazor, após tres encontros fóra da Coruña, cunha vitoria. A chave do ascenso pasa por fortificar o estadio propio, entende o combo treinado por Natxo González. E ten razón.


Hai veces que o desconto che quita dous puntos (sen ir máis lonxe, na visita a Tenerife), hai veces que esa prolongación permíteche, no suspiro final, furar a portería rival. Foi o que aconteceu desta volta. Un centro delicioso do sempre rebuldeiro Fede Cartabia foi magnificamente aproveitado para, na área pequena, o central Pablo Marí colocar o 1-0 no taboleiro de marcas. Non había tempo para máis. Mais un gol obtido por un defensa central, após o selado polo portugués Domingos Duarte en Albacete. Con Natxo González a defensa cumpre atrás —sólida, con oficio, sen arabescos— e tamén achega arriba.

 

Foi un duelo moi disputado entre dúas das equipas chamadas a competir polo ascenso até o final. Un ambiente algo estraño nas bancadas, orfas de presenza xixonesa, a portaxe a pagar pola demora na reforma do estadio. Mais o xogo sobre o céspede foi tan intenso como cabía agardar. Moito centrocampismo, iso si. Hai un dado que o resume todo: o Sporting de XIxón non disparou entre os tres paus da portería de Dani Giménez nen unha soa vez. Fiouno todo ao empate sen goles. E case, case o consegue.

 

A posesión foi do Dépor. A vontade de gañar, do Dépor. Até o penal que pitou o colexiado vasco Sagués Oscoz foi do Dépor, na ocasión máis clara do primeiro acto do xogo. Desbaldiuno Didier Moreno. Ou, por mellor dicer, despexouno fóra do seu marco o porteiro vigués do Sporting, David Mariño. Un certo ar de fatalidade comezou a percorrer as bancadas de Riazor, tan afeitas a sofrer nos últimos anos.

 

Esa sensación de que este ano, tampouco acrecentouse cando no minuto 42 o centrocampista canario do Dépor Vicente Gómez culminou unha gallopada cun bon disparo que saíu lixeiramente por cima da trabe da portería de Mariño. Non había premio para a insistencia deportivista.

 

No segundo acto, apareceu a espigada figura de Carlos Fernández, o ex do Sevilla, para abeirar o gol nun excelente servizo de David Simón. Deixou boas sensacións Fernández, mais tamén ficou claro que aínda se acha lonxe de estar a punto fisicamente, após ter tido unha grave lesión o pasado curso.

 

Todo comezou a mudar a partir do minuto 71, xa con Fede Cartabia no campo. A rapidez do arxentino, combinado co chumbo que comezaba a pesar sobre as pernas do combo asturiano, inclinou aínda máis o partido a prol dos locais. No minuto 75 o Sporting, aliás, ficou cun home menos, após a expulsión por duplo cartón de Cofie. Natxo González non demorou en completar a aposta ofensiva e deu entrada a Carles Gil, outro dos futebolistas branquiazuis con capacidade para o desequilibrio.

 

Daí ao final o xogo deveu nun monólogo coruñés. Presión insuportábel para os visitantes. Incerteza nas bancadas. O Dépor competía contra unha boa equipa, si, mais tamén contra os seus propios espectros. Outros dos puntos que podían voar da Coruña. Até que Cartabia puxo ese balón.

 

Total: o Dépor suma 8 puntos dos 12 posíbeis no arranque do campionato e supera xa o Sporting (con 7) na táboa clasificatoria. Non pinta mal.

 

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Diego Caballo, Didier Moreno, Álex Bergantiños (Carles Gil, min. 80), Vicente Gómez (Pedro Mosquera, min. 87), Krohn-Dehli, Pedro e Carlos Fernández (Fede Cartabia, min. 71).

Real Sporting de Gijón: Diego Mariño, Geraldes, Álex Pérez, Babin, Molinero, André Sousa, Cofie, Nacho Méndez, Álvaro Jiménez (Hernán, min. 63), Djurdjević (Neftali, min. 72) e Carmona (Cristian, min. 80).

Gol: 1-0 Pablo Marí (min. 90+4).

Árbitro: Sagués Oscoz (c. vasco). Expulsou o sportinguista Cofie (min. 75) por dupla amoestación. Cartóns amarelos a Cofie (min. 29), Álex Pérez (min. 34), Carlos Fernández (min. 40), André Sousa (min. 59), Nacho Méndez (min. 64) e Didier Moreno (min. 83).

Incidencias: partido correspondente á cuarta xornada de LaLiga 1|2|3 disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 15.958 espectadores.



x