O Dépor resgata a súa historia máis negra e perde por volta de 50 millóns de euros

O Dépor resgata a súa historia máis negra e perde por volta de 50 millóns de euros
Desolación deportivista após un dos tres goles do Mallorca
Desolación deportivista após un dos tres goles do Mallorca  

No peor dos momentos o Dépor volveu ser o da liga regular. Un equipo medoño e sen nervio. Especulativo. Unha escadra que evocaba a súa historia máis negra, o fatalismo da derrota no último minuto (a derrota ante o Rayo Vallecano en Riazor de 1983, o mítico e até literario penalti de Djukic de 1994). En Son Moix foi en algunhas fases do xogo un simulacro de equipo, un convite ao rival para entrar por todos os flancos, sen valados no centro do campo. Si, non estaba Álex Bergantiños. O Dépor caeu en Son Moix por 3-0 e perdeu por volta de 50 millóns de euros, segundo a estimación do seu presidente, Paco Zas.


Por vez primeira desde 2011, o seu primeiro descenso da era moderna, a que liderou Lendoiro, o Dépor estará no mínimo dúas temporadas consecutivas na Segunda División. O exercicio 2018-2019 foi un completo fracaso. A xuízo de todos os analistas, tiña o plantel máis compensado e con máis talento da categoría. Só estivo á altura das expectativas no primeiro terzo do campionato. Despois extraviouse estrañamente e só foi quen de se reanimar contra todo prognóstico após a demisión de Tino Fernández, unha remontada épica que lle permitiu engancharse in extremis (regalo do Cádiz incluído, aquela derrota na casa dos andaluces fronte ao Estremadura) á promoción polo ascenso. Foi un espellismo, trufado de grandes doses de fortuna na eliminatoria co Málaga (até tres balóns enviou aos paus Ontiveros). A dura realidade agardaba xusto a un milímetro da gloria. En Son Moix o pano caeu sobre un equipo sen alma, absolutamente superado por un Mallorca febril, envalentonado perante a proposta rañicas de Martí, amarrategui na formulación do xogo, inconcebíbel que entregase o pivote no centro do campo a un Vicente que nen de lonxe ten físico para un partido que calquera podía intuír ía ter máis que ver coa metalurxia do que co ballet.

Na retórica pre-macht, nas declaracións previas de adestrador e xogadores, o Dépor enfatizou que non había nada feito. Porén, o Dépor xogou exclusivamente a administrar a renda de Riazor. A disposición do Mallorca foi a contraria: todo podía gañarse nos 90 minutos de Son Moix. O equipo galego continuou prendido no episodio riazoreño, atrapado quizá pola má consciencia de non ter aproveitado suficientemente na casa a superioridade numérica da que gozou durante 50 minutos (só conseguiu un gol despois da expulsión de Pedraza). Se te abstraes do aquí e agora es equipo morto a estas alturas do campionato e con tanto en xogo. Foi o que aconteceu nas illas, nomeadamente nunha segunda parte voraz dos locais fronte a unha escadra branquiazul desanxelada, exposta ao atropelo dun rival que, nomeadamente por banda esquerda, desarbolou unha e outra vez a zaga coruñesa. Martí leeu mal o partido. Nunca entendeu de verdade que a clave non estaba en conter a desbocada paixón mallorquinista (non hai outro como Bergantiños na recámara, non había plano B defensivo), senón en colocar un gol na portería de Reina. Un gol e bastaba. Se tivese tido esa clave realmente na cabeza nunca tería deixado na banqueta de inicio os seus mellores argumentos ofensivos, Fede Cartabia e Carlos Fernández. Cando os puxo sobre o campo, non é que fora tarde, é que o vendaval do Mallorca xa varrera o Dépor do campo.

E agora? Agora o Dépor vai ter que se manexar en Segunda División cun orzamento de equipo de Segunda División. A diferenza entre unha e outra categoría son, en concepto de ingresos, 50 millóns de euros grosso modo, segundo as estimacións do presidente do clube, Paco Zas. O engruñamento financeiro dificilmente permitirá que o Dépor poda reter os seus futbolistas de maior talento. Vaian preparándose para atravesar o deserto.

Real Mallorca: Manolo Reina, Joan Sastre (Xisco Campos, min. 87), Valjent, Raíllo, Estupiñán, Baba, Aridai (Abdón Prats, min. 52), Salva Sevilla, Dani Rodríguez, Lago Junior e Budimir (Àlex López, min. 84).

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda (Diego Caballo, min. 88), Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl, Vicente Gómez, Edu Expósito, Pedro, Borja Valle (Fede Cartabia, min. 79), Nahuel (Carlos Fernández, min. 30) e Quique.

Goles: 1-0 Budimir (min. 21); 2-0 Salva Sevilla (min. 62); 3-0 Abdón Prats (min. 82).

Árbitro: Pizarro Gómez (c. madrileño). Cartóns amarelos a Joan Sastre (min. 50), Domingos Duarte (min. 54), Borja Valle (min. 56), Pedro (min. 78), David Simón (min. 86), Manolo Reina (min. 86) e Salva Sevilla (min. 89).

Incidencias: Unhas 20.000 persoas, entre elas por volta de 500 deportivistas, nas bancadas de Son Moix.