MERCADO DE INVERNO

O Dépor rexeitou unha oferta chinesa por Vicente Gómez

O Dépor rexeitou unha oferta chinesa por Vicente Gómez
Carmelo del Pozo [foto: RadioCoruna]
Carmelo del Pozo [foto: RadioCoruna]  

Revelouno esta segunda feira o director deportivo do clube branquiazul, Carmelo del Pozo.


Peza chave para Natxo González, o centrocampista canario Vicente Gómez (Las Palmas, agosto de 1988) estivo no albo do fútbol chinés no recentemente fechado mercado de inverno. Dépor e xogador concordaron en non considerar a oferta, dixo esta segunda feira en conferencia de prensa o director deportivo Carmelo del Pozo.

O executivo desvelou tamén as claves que finalmente frustraron a incorporación do centrocampista xaponés Gaku Shibasaki. Segundo a súa versión, o xogador estaba disposto a se incorporar á escadra coruñesa, mais a última hora o Getafe vetou a súa saída ao non ter sido capaz de fechar a fichaxe do seu recambio.

Canto á canteira —moi marcada polo mal momento do Fabril e pola abundancia de futbolistas non galegos xa a partir dos equipos cadetes—, Carmelo del Pozo anunciou mudanzas significativas. "Hai un problema arredor da idea [que temos] sobre a canteira. Temos que mudala desde abaixo até arriba", dixo.

O mercado de inverno saldouse para o Deportivo coa aterraxe en Riazor de dous futbolistas: o central Íñigo López e o extremo Nahel Leiva.