LENDOIRO, NA UCI

O Deportivo, cun pé e medio na Segunda División

O Deportivo, cun pé e medio na Segunda División
Imaxe: Deportivo
Imaxe: Deportivo  

O Dépor e Las Palmas empataron a uns en Riazor, un resultado que non lle serve a ningún dos dous equipos, que seguen condenados na última parte da táboa.


Após o empate a uns fronte a Las Palmas, o Dépor ten aínda máis complicada a salvación. E é que após a vitoria do Levante perante o Eibar, os coruñeses seguen descolgados no posto 17, que marca a salvación. Las Palmas fica con 21 puntos e o Dépor, con 20, a sete puntos da permanencia.

 

Tanto Las Palmas como o Dépor son os dous conxuntos máis goleados do campionato. Precisamente, a fraxilidade defensiva de ambos ficou patente en Riazor. En só tres minutos, Las Palmas xa conseguira marcar. Foi Halilovic quen estreou o marcador após disparar coa zurda a dereita de Rubén. Ao pouco, o propio futbolista case marca o segundo para o equipo visitante.

 

O Dépor empataba o partido no minuto 22 grazas a Albentosa, que marcou de cabeza. A partir de entón, os erros defensivos de ambos os equipos facilitaron as oportunidades sen lograren mover o marcador.

 

Durante o partido, os Riazor Blues, e parte da afección local, entoaron críticas contra a directiva e, nomeadamente, contra o presidente, Tino Fernández. Tamén se puideron escoitar cánticos irónicos con Lucas Pérez como protagonista.

 

Lendoiro, na UCI

 

Augusto César Lendoiro, quen foi presidente do clube coruñés entre 1998 e 2014 atópase estábel, dentro da gravidade, na UCI do CHUAC após a operación do corazón á que foi sometido a pasada sexta feira.

 

Lendoiro ingresaba cunha sintomatoloxía que apuntaba a unha pneumonía. Porén, era unha afección cardíaca o que sufría. Doenza da que foi intervido ás 22h. A operación resolveu a obstrución dunha das válvulas do corazón que lle provocaba problemas no ril e nos pulmóns.

 

O estado de saúde do ex presidente espertou numerosas reaccións de apoio nas redes sociais.

 

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Guilherme, Muntari (Borges, min. 75), Emre Çolak (Bakkali, min. 70), Adrián, Lucas (Carles Gil, min. 84) e Andone.

 

UD Las Palmas: Chichizola, Míchel (David Simón, min. 58), Ximo Navarro, David García, Aguirregaray, Aquilani, Javi Castellano, Vicente Gómez (Tana, min. 77), Halilović, Calleri (Erik Expósito, min. 64) e Momo.

 

Goles: 0-1 Halilović (min. 3); 1-1 Albentosa (min. 22).

 

Árbitro: Martínez Munuera (c. valenciano). Tarxeta amarela a Momo (min. 20), Fernando Navarro (min. 27), Muntari (min. 47), Javi Castellano (min. 53), David Simón (min. 65) e Guilherme (min. 84).



x