Un derbi sen alma

Un derbi sen alma
Un lance do xogo
Un lance do xogo  

Duelo sen brillo entre dúas equipas que realmente xa estaban fóra da competición. O Dépor afrontábao xa descendido. O Celta, con opcións moi remotas a entrar en Europa. O 1-1 é a fotografía dun derbi sen nervio e sen relato. O protocolo tampouco estivo á altura e o hino galego entoouse sen que as equipas estivesen debidamente formadas sobre o campo.


O gol 70 na portería do Deportivo no que vai de liga (o tanto facturouno Maxi Gómez nun novo erro groso de Rubén) parecía que ía sentenciar #onosoderbi. O gol do dianteiro uruguaio chegou no minuto 12 do primeiro acto, período en que a equipa coruñesa estivo basicamente ausente de Balaídos, o que permitiu que o Celta controlase o xogo sen ter que pisar o acelerador. Mais no desconto da segunda parte, minuto 91, voltou a aparecer Lucas Pérez. Mágoa que apenas aparecese durante a maior parte do campionato. O gol do punta de Monelos -o seu típico golpe seco á bola, perto do marco rival- selou o empate nun derbi feo, frouxo, desapaixonado, e deixa definitivamente o Celta sen posibilidades de se clasificar para a Europe League.

Era un derbi cunha equipa que xa está en Segunda División e outra que tiña o soño europeu a unha distancia sideral. Houbo certa intensidade finxida, algún que outro tira-puxa entre Maxi Gómez e Albentosa, mais hai poucos espectáculos máis aborrecíbeis que o futebol cando apenas hai algo en xogo. O Celta tirou de manual -o seu dominio do passing game- e con iso tivo abondo para controlar o Deportivo durante boa parte do xogo. O Dépor tivo os seus momentos, isolados, faíscas dalgúns futebolistas -Adrián, Borja Valle, Çolak, ao final Lucas- que de cando en vez reparaban que estaban no campo. Pouca cousa, moi pouca, para termar do xogo. Ningunha tensión dramática. 

Si, faltaba Iago Aspas, o futebolista galego máis carismático do momento. Un tipo que podería ter abaneado #onosoderbi en calquera momento. A sombra da súa ausencia pairou sobre un Balaídos orfo. Ningún dos xogadores sobre o campo teñen o que a el lle sobra, maxia por un lado e conexión emocional coas bancadas polo outro. 

Após este empate, o Celta suma 46 pontos e fica en terra de ninguén. O Dépor alcanza 29, a asinar un dos piores exercicios da súa historia.

Foi un derbi plano, estéril, prescindíbel. Mais a ver cando damos vivido outro.

PD: Por certo, fallou o ritual no comezo do xogo. Soou o hino nacional galego, mais sen a debida solemnidade, cos futebolistas dispersos polo campo, e non en formación como corresponde. Un presaxio do deslucido espectáculo que viría a continuación.



x