OS VIGUESES, DE QUINTOS

Distinta sorte para Celta, que supera a Real Sociedade, e Dépor, que perde no Calderón

Distinta sorte para Celta, que supera a Real Sociedade, e Dépor, que perde no Calderón
[Imaxe: RCCV] Aspas, Nolito e Guidetti celebran un gol do Celta
[Imaxe: RCCV] Aspas, Nolito e Guidetti celebran un gol do Celta  

Celta e Dépor non contaron coa mesma sorte nos seus respectivos partidos da última xornada de Liga. Mentres os vigueses lle gañaron pola mínima á Real Sociedade, os coruñeses perderon por tres goles a cero diante do Atlético de Madrid.


A 29 xornada da liga rematou con resultados dispares para os equipos galegos. O Celta venceulle á Real Sociedade por 1-0, un resultado que o mantén quinto na clasificación. Foi grazas a un gol de Iago Aspas, que consumou o dominio na primeira parte do encontro.  O dianteiro bateu coa zurda o porteiro visitante cunha vaselina no minuto 16.

Tras o descanso, o Celta desinchouse e a Real superouno en posesión do balón. Os vigueses sufriron nos minutos iniciais da segunda parte pero, finalmente, conseguiron aguantar o resultado até o final do partido.

Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny, Radoja, Marcelo Díaz, Wass (Señé, min.73), Iago Aspas (Bongonda, min.78), Nolito e Guidetti (Beauvue, min.61)

Real Sociedad: Rulli, Illarra, Íñigo, X. Prieto (Bruma. Min.76), R. Pardo, Zaldua (Vela, min.55), Reyes, Oyarzabal, Elustondo, Yuri (Héctor, min.83) e Jonathas.

Goles: 1-0, min.15: Iago Aspas.

Árbitro: Martínez Munuera, do comité valenciano. Amoestou Cabral, Radoja, Marcelo Díaz, Yuri

O Dépor perde no Calderón

O Deportivo, pola súa banda, perdeu no Calderón ante un Atlético que loita polo título de liga. Os madrileños saíron ao campo a controlar e resolveron o partido comodamente, pois os coruñeses non foron quen de crearen perigo.

O gol inicial asinouno Saúl no minuto 18 ao rematar de cabeza un centro de Filipe. Ao pouco, o Dépor tivo nas botas de Jonathan unha boa ocasión para empatar. O segundo tanto dos madrileños chegou no minuto 60 nunha xogada ensaiada grazas a Griezmann e o gol definitivo consumouno Correa, que bateu Lux nun man a man.

O Dépor encadea a súa 13 xornada sen gañar e segue na loita pola permanencia.

Atlético de Madrid: Oblak, Juanfran, Godín, Giménez, Filipe Luis, Gabi, Koke, Saúl, Carrasco (Óliver Torres, min. 79), Griezmann (Kranevitter, min. 65) e Vietto (Correa, min. 58).

Deportivo: Lux, Laure, Lopo, Arribas, Manuel Pablo (Róber, min. 59), Álex Bergantiños (Luis Alberto, min. 59), Pedro Mosquera, Borges, Fede Cartabia (Oriol Riera, min. 74), Jonathan Rodríguez e Fayçal Fajr.

Goles: 1-0 Saúl (min. 18); 2-0 Griezmann (min. 60); 3-0 Correa (min. 83).

Árbitro: Melero López (C. andaluz). Amoestou Carrasco (min. 41) e Laure (min. 92).



x