Eses empates con perfume a vitoria

Eses empates con perfume a vitoria
A xogada que se saldou coa expulsión de Quique González
A xogada que se saldou coa expulsión de Quique González  

Se xogas na casa co líder, vas perdendo no minuto 54 —case no primeiro chut á túa portería— e aínda por cima te expulsan un xogador —o teu mellor puñal en ataque—, daquela acabas vivindo o empate final como unha vitoria.


Non xogou mal o Deportivo co Málaga, o rácano líder da categoría, un combo que conseguiu empoleirarse ao liderado con apenas 10 goles a favor e, eis a chave, só 3 en contra nos primeiros 8 capítulos do campionato. A escadra riazoreña tivo posesión e tivo ocasións de gol, malfadadamente unha moi clara desbaldida por Quique González no minuto 4, após unha incursión fulgurante por banda dereita do sempre faiscante David Simón.

O Málaga fixo o remake dos choques protagonizados esta temporada en Riazor por Sporting e Granada, os outros ilustres visitantes. Apostou no 0-0 de entrada e especulou con algún golpe de fortuna. O que non tiveron asturianos nen nazaríes si que o gozaron os malacitanos, que se puxeron por diante no taboleiro de marcas co típico gol parvo —un barullo diante de Dani Giménez, unha bola rebotada— que a bancada branquiazul se afixo a receber en pasadas campañas.

Co gol en contra non perdeu o oremus a equipa treinada por Natxo González e esa é a confirmación dunha moi boa noticia: a diferenza de pasados exercicios, este Dépor acredita en si propio e nas súas opcións: os goles parvos non o afunden ás primeiras de cambio. Destarte, o combo coruñés incrementou a súa produción ofensiva e nunha excelente combinación entre Saúl e Bergantiños, por banda esquerda, tivo orixe o gol de Carlos Fernández, cheo de astucia e de calidade técnica no seu axustado disparo ao pau largo da portería defendida por un Munir que estivo moi inspirado durante todo o xogo. O punta andaluz medra a ollos vistos e xa é unha referencia incontornábel na vangarda deportivista.

Todo estaba servido para a reviravolta no taboleiro de marcas, até que unha chilena destemida de Quique González, fogoso na procura do gol, se saldou coa súa expulsión, ao golpear na cabeza dun zagueiro malacitano. Xa con 10 futebolistas só no campo, o Dépor traballou para manter o empate. Un deses puntos con inequívoco aroma a vitoria.

Visto en perspectiva, e tendo en conta que o Dépor xogou 5 choques fóra e só 3 na casa, a colleita até agora non é má: a equipa viaxa comodamente no furgón do play off de ascenso, a só 2 puntos do Granada, neste momento dono da segunda praza que dá pasaporte directo á Primeira División.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl, Didier Moreno (Edu Expósito, min. 71), Álex Bergantiños, Krohn-Dehli, Carles Gil (Christian Santos, min. 63), Carlos Fernández (Bóveda, min. 90) e Quique.

Málaga CF: Munir, Iván Rodríguez, Luis Hernández, Pau, Ricca, Juanpi (Pacheco, min. 46), N'Diaye, Adrián, Ontiveros (Hicham, min. 72), Harper (Héctor Hernández, min. 87) e Blanco Leschuk.

Goles: 0-1 N'Diaye (min. 54); 1-1 Carlos Fernández (min. 76).

Árbitro: Díaz de Mera (c. castellano-manchego). Expulsou con vermella directa a Quique (min. 78). Cartóns amarelos a Juanpi (min. 29), Harper (min. 40), Ontiveros (min. 69), Iván Rodríguez (min. 72) e Adrián (min. 80).

Incidencias: partido correspondente á 8ª jornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 18.362 espectadoras/es.



x