MARCOS GAÑETE, CAPITÁN DA SELECCIÓN DE FÚTBOL GAÉLICO.

“Estamos con moitísimas gañas e as pernas xa non doen”

“Estamos con moitísimas gañas e as pernas xa non doen”
[Imaxe Selección galega de Fútbol gaélico]
[Imaxe Selección galega de Fútbol gaélico]  

Entrevistamos a Marcos Gañete “Corba” antes de que a selección comece, en Dublín, a competir nos GAA World Games. Despois do subcampionato mundial de 2015, os nosos gaélicos buscarán a vitoria.


Marcos Gañete é o capitán da selección masculina de fútbol gaélico, onde todos lle chaman Corba. A partir do pasado domingo, lidera a expedición galega en Dublín co obxectivo de quitarse a espiña que lles quedou cravada na final de Abu Dhabi, onde perderon coa Arxentina na prórroga da final. Este Mundial preséntase máis esixente: Pola subida de nivel das seleccións e a entrada de novidades como Nova Iork; pola pouca duración dos encontros (20 minutos na primeira fase de grupos, 25 na segunda e 30 na final), que farán moi difícil as remontadas; pola maior amplitude dos campos e pola esixente criba que farán as dúas fases de grupos que dan acceso á final de Croke Park. Na primeira; Suráfrica, Bretaña e Nova Iork loitarán con Galiza por chegar á segunda fase, da que sairá un finalista por cada un dos dous grupos.

O ano pasado en Abu Dhabi escapóusevos o título na prórroga da final despois de ir gañando case todo o encontro. Haberá vinganza?

"Hai moitos máis equipos e máis nivel, pero nós tamén melloramos"

Este ano é máis complicado. Hai moitos máis equipos e máis nivel, pero nós tamén melloramos. Isto farao máis bonito tamén. Temos moitas ganas de quitarnos a espiña que nos quedou cravada e, moito máis, ao poder facelo no berce deste deporte, en Irlanda.

Máis seleccións, máis nivel e un esceario moi importante. Croke Park só alberga a final, os demais partidos xóganse nos campos universitarios, mais cun grande seguimento televisivo...

Si, emitirán resumos de moitos partidos e van facer un seguimento desde a televisión irlandesa, RTE, e da GAA Go, o canal do fútbol gaélico. Logo, xogar na universidade significa xogar en campos importantes, de fútbol gaélico e de rugby moi atractivos e o cúlmen é, se chegas á final, poder disputala nun estadio coma Croke Park que é de cinco estrelas. O que buscamos todos é poder chegar alí e logo,obviamente, gañar si ou si. O primeiro é ir pouco a pouco, pero intentando chegar a Croke Park.

Fálase moito do aumento de nivel, pero tedes referencias para saber cales poden ser as seleccións máis fortes?

Nós coñecemos o que temos aquí preto e contra quen xogamos, polo que é unha pequena incógnita, mais supoñemos que seleccións como as americanas van ser fortes. por exemplo, Nova Iork, que está no noso grupo, vai ser unha selección potente, xa que alí o fútbol gaélico está arraigado desde fai máis de cen anos, como en Irlanda, e moito americano xoga a este deporte aquí. Por isto, cremos que vai ser favorita. O equipo formado en Chicago, que representa aos Estados Unidos, tamén ten moi boa pinta. Despois, coñecemos a Francia e aos seus xogadores de xogar contra eles no europeo e sabemos que teñen bo nivel. Outra candidata é Canadá, onde tamén está moi arraigado o gaélico ao igual que nos Estados Unidos e que ten o precedente da vitoria das mulleres no mundial do ano pasado en Abu Dhabi e a última favorita sería Arxentina, porque é a actual campioa e compite moi ben. Son arxentinos e teñen unha sangue competitiva moi boa, polo que sempre van estar aí.

E menos mal que non xoga Irlanda...

"O Mundial é: O mundial sen Irlanda. Por iso se chama Nativo"

Claro! [Risas]. Obviamente os irlandeses se xogasen serían os favoritos. O Mundial é: O mundial sen Irlanda. Por iso se chama Nativo. A razón é que non xogan irlandeses nesta competición. Por agora, o resto de países estamos un pouco lonxe e por iso se organiza o Mundial sen eles. Xogan outros torneos por zonas ou áreas, onde compiten outros irlandeses que están repartidos polo mundo. Pero aquí non compiten. Polo de agora. Xa que de seguro cando suba o nivel o farán.

Cambia a superficie -herba natural- e xógase en campos específicos para fútbol gaélico, de maior tamaño ao que estades acostumados. Como vos preparastes para isto?

Os campos, efectivamente, son de herba natural e xa sabemos que polo tempo que está a facer en Irlanda -esta á chover moito- vai estar o campo moito máis rápido e máis pesado ca os que temos aquí. Nós adestramos en campos sintéticos, entón intentamos buscar alternativas. Estos días adestramos no campo do Praíña Sporting Club (Teo), un campo de herba e de maiores dimensións. Intentamos facer unha preparación bastante física, polo feito de que sexan terreos de xogo máis grandes para 9 xogadores, ademais. Isto fai que o metro cadrado para cada xogador se amplíe moito e que cada un teña que abarcar moito terreo. Para iso hai que estar medianamente ben fisicamente e, despois, cada un porá a súa calidade para facer puntos e goles. Mais a preparación tamén foi moi táctica, porque nós adoitamos xogar de 11 na nosa liga e a redución a 9 fai que cambie a distribución no campo.

Despois de xogar unha liga máis longa que as anteriores a maiores de dúas copas e un Campionato Ibérico e tendo en conta que se xogarán tres partidos por día, como chegades de forzas?

"As pernas xa non doen nada, porque imos con moitísima ilusión"

Nós este ano non paramos desde setembro, cando tivemos o campionato Paneuropeo na Estrada. Tivemos algún pequeno parón, pero foi unha temporada longa. Con todo, agora iso dá igual. Estamos con moitísimas gañas e as pernas xa non doen nada, porque imos con moitísima ilusión. Para a preparación tivemos que facer unha pequena pausa, a principios de xuño, despois do Campionato Ibérico. Foron quince días para soltar as pernas e descansar, para logo poñernos a tope.

Buscando o pico de forma como os ciclistas antes dunha grande volta…

Exacto. Buscamos facer máis físico dende o 15 de xuño até o 15 de xullo e desde aquela baixamos un pouco a intensidade para ter as pernas máis soltas e chegar o máis rápidos e o mellor posíbel, porque os partidos vanse facer moi duros. Aínda que sexan curtos, o feito de xogar, parar, arrefriar e volver a xogar mata os músculos. É peor que xogar un partido de 90 minutos.



x