Estrela Vermelha, campión da Liga Galega de Fútbol Gaélico

Estrela Vermelha, campión da Liga Galega de Fútbol Gaélico
Imaxe: @GzBrais
Imaxe: @GzBrais  

Racha así con dous anos de hexemonía dos Irmandinhos da Estrada.


O Estrela Vermelha volve conquistar o título de campión da primeira división da Liga Galega de Fútbol Gaélico. A súa vitoria esta fin de semana na Coruña sobre os Fillos de Breogán outorga aos composteláns un título que conquistaron tres tempadas consecutivas (2013/14, 2014/15 e 2015/16) e que agora volve ás súas mans. O Estrela racha así coa hexemonía que os Irmandinhos da Estrada mantiveron nestes dous últimos anos, nos que foron eles os campións da Liga. "Estamos orgullosos de que cada vez sexa máis complicado competir en todos os campos do país", manifestan nas redes sociais desde o Estrela para subliñar a progresión do fútbol gaélico no noso país.

Estrela Vermelha nace no ano 1997 como clube de fútbol británico no barrio compostelano de Fontiñas. Ao comezo era coñecido como “Independente das Fontiñas”, aínda que ao pouco cambiaría o seu nome a Estrela Vermelha. Varios anos despóis, en agosto de 2013, o clube sufre unha profunda transformación e comeza a competir nun deporte que daquela empezaba a espallarse por Galiza: o fútbol gaélico. O obxectivo era comezar competindo na liga galega masculina na tempada 2013/14, convertíndose á postre campión de Liga e Copa no seu primeiro ano de vida.