Estrela Vermelha e Irmandinhas revalidan en Xinzo a súa absoluta primacía na Copa Galega de fútbol gaélico

Estrela Vermelha e Irmandinhas revalidan en Xinzo a súa absoluta primacía na Copa Galega de fútbol gaélico
Estrela Vermelha
Estrela Vermelha  

Composteláns, en categoría masculina, e as estradenses, na feminina, conquistaron cadansúa copa nun torneo que non coñece outros gañadores nas súas tres edicións.


Máis unha vez o Estrela Vermelha e as Irmandinhas da Estrada ergueron a Copa Galega de fúbol gaélico, un trofeo que coñecen moi ben, pois composteláns, en categoría masculina; e estradenses, en feminina, copan este título desde o seu nacemento.

O Estrela Vermelha impúxose na final a Fillos de Breogán nunha Copa que decorreu en Xinzo de Limia. Suma así a súa terceira Copa Galega e engade un triunfo máis ao seu palmarés esta tempada, onde o EV xa conquistou a Liga galega de fútbol gaélico. En categoría masculina tomaron parte no torneo nove equipos. A terceira praza foi para Irmandinhos da Estrada.

No que atinxe a categoría feminina as Irmandinhas impuxéronse na final a Fillas de Breogán. Unha vitoria que as sitúa como dominadoras absolutas deste torneo, pois atesouran as tres copas galegas desputadas. Sete equipas femininas participaron na edición desta tempada.

A Copa Galega de Fútbol Gaélico é unha competición de fútbol gaélico nacida na tempada 2013/14 baixo a organización da Asociación Galega de Fútbol Gaélico co obxectivo de ser a gran festa do fútbol gaélico en Galicia. Na primeira edición, realizada na Estrada o 14 de xuño de 2014, participaron oito equipos na categoría masculina e catro na feminina. Estrela Vermelha e Irmandinhas impuxñeronse daquela... e até agora


 



x