Reteñen 30 minutos un siareiro do Depor que se negou a que lle requisasen a bandeira nacionalista galega

Reteñen 30 minutos un siareiro do Depor que se negou a que lle requisasen a bandeira nacionalista galega

A acta policial fala de “bandera independentista gallega” e aborda o emblema nacional de Galiza como unha cuestión de orde pública. Non foi o único incidente coas bandeiras galegas no Zorrilla, onde si campaban as bandeiras españolas, mesmo as de escudo franquista. 


Ir a un estadio de deportes presenciar o partido dun equipo galego cunha bandeira galega coa estrela vermella estase a converter nun deporte de risco. Algo que se está a notar nos desprazamentos dos afeccionados do Depor e Celta a campos españois. Un exemplo diso aconteceu este sábado en Pucela, no encontro que enfrontaba a Valladolid co Depor.

Nas redes sociais ían en aumento os chíos que sinalaban que se estaba a impedir o acceso ao Zorrilla, estadio do Valladolid, coas bandeiras nacionalistas galegas. Mais si que podían entrar ultras do Pucela coa bandeira española co escudo franquista (“olá policia, por que non se pode pasar coa estreleira galega? Os vosos ultras levan as da águia. Por que?, preguntaba @aramag21). Varios afeccionados do Depor confirmaban que se lles impideu entrar ao estadio coa bandeira nacionalista.Mesmo a algún que se lle requisou, cando foi por ela finalizado o partido, xa non había nada que recoller. A bandeira, simplemente, non estaba.

Un bo número de afeccionados do Depor denunciaban nas redes sociais que se lles impedía entrar con bandeiras nacionalistas ao estadio

A 'estreleira', arma de destrución masiva?

Un dos casos máis sorprendentes foi o dun siareiro da Coruña ao que mesmo se lle impedía a entrada e se lle obrigaba a abandonar o estadio por se negar a que se lle requisase a bandeira nacionalista de Galiza. Estivo retiro durante case media hora. 

Na acta policial o axente expón (en español): “O fucionario actuante require o denunciado para que deposite no control de entrada unha bandeira independentista que leva atada á cintura. Ao se negar, o funcionario actuante procede a (facer )que abandone o estadio”.

Un pouco máis abaixo, nese documento oficial, pregúntase se o afeccionado foi expulsado do estadio e sinálase si como a resposta correcta.

Orde pública?

As forzas de seguridade tratan aos siareiros galegos que levan bandeiras nacionalistas como un problema de seguridade ou de alteración de orde público. Afeccionados teñen denunciado que os axentes lles requisan as bandeiras, acosan, ameazan,...amparándose en que esas bandeiras son prohibidas por comités antiviolencia no fútbol,pois son enseñas que incitan á violencia (sic).

En estadios como o do Real Madrid, o acoso aos afeccionados que levan bandeiras galegas coa estrela vermella atinxiu niveis máximos, segundo denunciaron no seu momento siareiros do Celta que foron apoiar ao equipo ao Bernabeu.

Razzia de simboloxía nacionalista

O acontecido en Valladolid non é un feito aillado, Sábeno ben afeccionados do Depor, do Celta e doutros equipos galegos que teñen que xogar en campos alén do Padornelo. A armada celeste é, nestes casos, especialmente seguida e controlada, máis aínda após o affaire Salva Ballesta.

Mais non fai falla ir fóra do país. Na cancha do Obraoiro Blusens, equipo de baloncesto de Compostela, prohibíase a entrada coa bandeira nacionalista alegando ás normas de antiviolencia.