A Federación vasca pide ser admitida na UEFA e FIFA como membro independente da española

A Federación vasca pide ser admitida na UEFA e FIFA como membro independente da española

Un paso para que a selección de fútbol de Euskadi poida competir oficialmente.


A Federación Vasca de Fútbol (Euskadiko Futbol Federakundea, EFF) solicitou oficialmente a súa admisión na UEFA e FIFA como membro independente da española. Unha decisión adoptada en Durango con 43 votos a favor, unha abstención e a ausencia dunha parte dos delegados (a asemblea ten 124 integrantes). Entre as persoas presentes con dereito a voto estaban varios xogadores da Real Sociedad, Athletic de Bilbao, Eibar e Alavés.

Desde a Federación vasca asumen que os maiores obstáculos a que esta petición chegue finalmente a ser admitida van proceder da Federación Española de Fútbol (FEF), que dixo descoñecer a solicitude cursada desde Euskadi.

A EFF defende a lexitimidade da súa petición e lembran que na UEFA e FIFA non están presentes só as federacións de estados: neste sentido, sinalan a existencia nos organismos non só da ‘especificidade’ británica (Gales, Escocia) senón de federacións de territorios como as Feroe (que fan parte de Dinamarca) ou Xibraltar (Reino Unido).

A solicitude da EFF procura que a selección vasca de fútbol poida competir oficialmente e en igualdade de condicións co resto de seleccións nacionais. Unha demanda de vello que ten o apoio non só de recoñecidos xogadores vascos senón tamén de parte da sociedade vasca e que se concretou na plataforma Esait.