As Fillas de Breogán conquistan o Paneuropeo de fútbol gaélico

As Fillas de Breogán conquistan o Paneuropeo de fútbol gaélico
[Imaxe: Fillas de Breogán] As campioas do Paneuropeo celebran a conquista do campionato
[Imaxe: Fillas de Breogán] As campioas do Paneuropeo celebran a conquista do campionato  
O conxunto galego fíxose co triunfo na categoría intermedia do campionato celebrado na localidade austríaca de Viena após derrotar na final o Paris Gaels.

O fútbol gaélico galego alcanzou un novo éxito grazas á escuadra coruñesa Fillas de Breogán, que conquistaron a Copa Intermediate do Campionato Paneuropeo, celebrado na localidade austríaca de Viena no marco dos Gaelic Games Europe. 

A actuación das branquiazuis foi inmellorable, pois contou todos os seus partidos por vitorias. Na fase de grupos impuxéronse a Prague Hibernians, Vienna Gaels e Cumann Garszawa; nas semifinais a Munich Colmcilles e na final a Paris Gaels, a priori unha das grandes favoritas para facerse co título. 

Tamara Mulaosmanovic, a capitana das Fillas de Breogán, mostrábase exultante logo de levantar o trofeo, e explicou que o fútbol gaélico é un deporte “moi duro, pero xenial”, e no que “non se xoga sucio, non como no fútbol”. “Aquí non se gañan cartos, pero por isto -sinalando a medalla que colgaba do seu cachazo- todo paga a pena”, engadiu.

Destacada actuación da representación galega

As Fillas de Breogán non foi a única escuadra da Galiza con representación no Campionato Paneuropeo de Viena. Tamén o Estrela Vermelha de Compostela participou, tanto na categoría feminina como na masculina, acadando os homes a sexta praza e as mulleres a sétima. Ademais, as Herdeiras de Dhais, de Lalín, asinaron a sexta posición, após verse prexudicadas por unha polémica decisión arbitral no encontro que daba acceso á loita polo quinto posto.