O fiscal pide 8 anos de internamento para un menor polo asasinato de 'Jimmy'

O fiscal pide 8 anos de internamento para un menor polo asasinato de 'Jimmy'

Acúsao de homicidio, lea tumultuaria e posesión ilícita de armas.


O fiscal pide 8 anos de internamento e 3 de liberdade vixiada para un menor de idade acusado do asasinato do seareiro galego Francisco Javier Romero, 'Jimmy', nunha emboscada en Madrid do Frente Atlético a afeccionados do Deportivo o 30 de novembro de 2014. A Fiscalía de Menores remitiu ao Xulgado nº4 o escrito de conclusións provisionais sobre os 3 menores procesados após os feitos e despois de que a Audiencia Provincial de Madrid confirmase a posta en liberdade dos 4 presuntos autores do asasinato deste veciño da Coruña.

Segundo o relato dos feitos, un dos tres menores atacou o seareiro galego cunha defensa extensíbel e con ánimo de causarlle a morte

Coa liberdade dos 4 membros do FA, ultras de extrema-dereita, o xuíz instructor da causa, Pedro Merchante, está a piques de pechar a instrucción sen acusar de homicidio a ningún dos 101 detiudos após a emboscada. Porén, a Fiscalía de Menores acusa un dos menores de lea tumultuaria, posesión ilícita de armas e homicidio. Aos seus 2 compañeiros considéraos responsábeis dun delito de lea tumultuaria no primeiro caso e dese mesmo delito e de posesión ilícita de armas no segundo. Pide para eles unha condena a traballos en beneficio da comunidade.

"Ánimo de causarlle a morte"

Segundo o relato dos feitos, un dos tres menores atacou o seareiro galego cunha defensa extensíbel e con ánimo de causarlle a morte cando 'Jimmy' caeu ao chan após ser mallado por outros participantes. Segundo este relato, o acusado continuou a dar golpes ao seareiro deportivista coa axuda doutras tres persoas, maiores de idade. “Posteriormente, e coñecendo o seu estado crítico, algún deles guindouno ao río Manzanares”.