"Fóra o PP da nosa sede": afeccionadas do Celta protestaron contra o acto do Partido Popular na sede celtista

"Fóra o PP da nosa sede": afeccionadas do Celta protestaron contra o acto do Partido Popular na sede celtista
Foto: @vigo_e
Foto: @vigo_e  

Varias ducias de seareiras e socias participaron na concentración promovida a través das redes sociais para rexeitar que un salón da sededo RC Celta acollese un acto do Partido Popular a favor da unidade de España con presenza Núñez Feixoo e Pablo Casado, que foron apupados á súa chegada. Vídeos no interior.


Varias ducias de persoas congregáronse esta tarde na viguesa Rúa Príncipe, fronte a sede do RC Celta, para protestar polo feito de que na mesma se celebrase un acto do PP a favor da Unidade de España, un coloquio que contaba coa presenza de Núñez Feixoo e Pablo Caso.


"O Celta non é do PP", "Que se vaian!", "Mouriño, PP a mesma merda é", "Corruptos", "Fóra o PP da nosa sede" foron algunhas das consignas e berros lanzados polas por volta das 200 persoas congregadas, que criticaban que unha estancia da sede do club celtista, o Salón Regio, tivese un uso partidista polo PP.


Pablo Casado e Núñez Feixoo foron recibidos con apupos e asubíos. Houbo momentos de tensión cando algunhas das persoas concentradas se achegaron ao cordón policial que se despregou diante da sede. Un representante do PP que asitía ao acto encarouse coas persoas enfrontadas, o que tamén xerou tensión. Tamén houbo berros contra España por parte de sectores das afeccionadas concentradas. 

Nestes días, diferentes peñas e colectivos amosaron o seu malestar e rexeitamento con que unha estancia da sede do RC Celta acollese un acto do PP de forte contido españolista. Celtarras, Colectivo Nós, Tropas de Breogán ou Centolos Celestes, entre outros.

A noticia de que un salón da sede do RC Celta acollía un acto do PP no que participarán o presidente do partido español Pablo Casado e o presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo para defender “a unidade de España”; inzou as redes sociais de protestos e queixas. "Vergoña”, “noxo”, “danme ganas de darme de baixa como socio”, “lamentábel”, “patético”… Estes eran apenas algúns exemplos da manchea de opinións e críticas de afeccionadas e afeccionados celtistas.



x