AMEAZAN CON FOLGA

As futbolistas da Liga cobran dez veces por debaixo do mínimo que perciben eles

As futbolistas da Liga cobran dez veces por debaixo do mínimo que perciben eles
[Imaxe: EP] Mesa Negociadora do convenio do fútbol feminino
[Imaxe: EP] Mesa Negociadora do convenio do fútbol feminino  

A patronal e os sindicatos non chegan a un acordo para asinar o primeiro convenio colectivo na historia do fútbol feminino e as xogadoras estudan a idea da folga ante a posibilidade de cobrar unhas cantidades que están máis de dez veces por debaixo das mínimas que percibe un futbolista masculino por desempeñar o mesmo traballo.


O fútbol feminino está a vivir o mellor momento da súa historia, como demostran uns estadios cada vez máis cheos tanto en Liga como nos partidos internacionais -en datas recentes Riazor congregou 10.444 persoas para ver un partido entre a selección española e a de Acerbaixán, récord absoluto de asistencia a nivel estatal-, o crecente apoio dos patrocinadores ou a relevancia mediática dun deporte tradicionalmente opacado pola súa versión masculina.

Porén, ese torrente económico que flúe de xeito cada vez máis abundante polo fútbol feminino non chega aos petos das xogadoras, pois non existe un convenio colectivo que considere horas máximas de traballo, salarios mínimos ou situacións en casos de embarazo e maternidade.

Esta situación tradúcese en que futbolistas do máis alto nivel vense na obriga de complementar os seus ingresos con outros traballos para poder vivir, o que suman, en moitos casos, aos estudos que desenvolven.

É o caso de Cristina Martínez, Cris, unha das estrelas do Deportivo Abanca, o equipo líder e revelación da Liga. Graduada en Finanzas, todas as mañás acode ao seu traballo como contábel para garantir a subsistencia e, polas tardes, adestra co resto das súas compañeiras, chegando a considerarse a si mesma como “afortunada” polas “facilidades” que lle dan na súa empresa.

A patronal quere salarios á altura do limiar da pobreza

Logo dun ano de negociacións e 18 reunións infrutuosas entre a Asociación de Clubs de Fútbol Feminino (ACFF) e os sindicatos AFE -o maioritario no sector-, UXT e Futbolistas ON, a situación tornou insostíbel e as xogadoras dixeron “basta” tras o fracaso da reunión que se desenvolveu no Centro de Estudios Sagardoy de Madrid durante a tarde da terza feira.

A súa única pretensión é profesionalizarse, vivir do seu traballo, o fútbol, “pero resulta imposíbel sen convenio colectivo”, tal e como denuncia o sindicato UXT. “Tampouco se pode facer cos 14.000 euros brutos ao ano ofertados inicialmente pola patronal, especialmente en cidades como Madrid, Barcelona, Bilbao e San Sebastián”, engaden, e máis tendo en conta que non inclúen o tempo dedicado a conceptos como desprazamentos ou fisioterapia, co que sería imposíbel alcanzar o mínimo de horas dun contrato a xornada completa, abocando as futbolistas a contratos a tempo parcial de até a metade deses 14.000 euros, o que significaría vivir case por debaixo do limiar estatal da pobreza, situado en 2018 en 8.871 euros por persoa.

Esa cuestión da parcialidade da xornada laboral é a principal liña vermella que impide asinar o convenio, xa que no referente ao salario todo apunta a que finalmente pactarán 16.000 brutos anuais. Os sindicatos defenden unha parcialidade de 75%, mentres que os clubs queren poder contratar a media xornada, é dicir, a 50%: “A meirande parte das xogadoras están contratadas a tempo parcial, así que por moito salario que se negocie, o que lles chegaría sería a metade, e iso non pode ser, porque no fútbol masculino non se ten en conta a xornada”.

O outro escollo fundamental é o pago do 100% do salario cando a deportista estea de baixa por cuestións como lesións ou un embarazo. A demanda dos sindicatos do pago íntegro do xornal “non resulta asumíbel desde un punto de vista económico” para a ACFF, que considera que “pon en grave risco a capacidade de xeración de ingresos por parte dos clubs” e, incluso “a viabilidade da competición”. Como solución ao problema, a patronal ten a esperanza de que  as condicións “mellorarán cos anos, conforme se vaian xerando ingresos”.

155.000 euros para os homes, 16.000 para as mulleres

O agravio comparativo cos homes resulta evidente. A pretendida igualdade da que falan a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) e a Liga de Fútbol Profesional (LFP) tradúcese na realidade en que ás mulleres ofrécelles un convenio que recolle unhas cantidades dez veces por debaixo do que se paga aos homes por facer o mesmo traballo. Así, para a Primeira División masculina o salario mínimo é de 155.000 euros anuais máis o IPC e, na categoría de prata, de 77.500 euros máis o IPC, en contraposición aos 16.000 da última oferta ás mulleres en Primeira División.

Ante este panorama, no que “parece que ser muller e futbolista é cuestión de heroicidade”, como afirma o presidente de AFE e ex xogador do Club Deportivo Lugo, David Aganzo, “folga” é unha palabra que xa se pronuncia por parte dos sindicatos, nun contexto no que nin sequera hai data para unha nova convocatoria da mesa negociadora.

Tampouco é descartábel que, antes de chegar ao parón, as xogadoras, como principais vítimas da situación, decidan emprender outro tipo de accións de protesta, como interromper os partidos ou levar camisetas reivindicativas antes dos encontros de Liga ou na celebración dos goles.